Os Bombeiros de Santa Comba tiveron que atender un accidente en Barbeira e unha intoxicación con gas en Antes
Xornada completa para os Bombeiros de Santa Comba que tiveron que acodir a dúas intervencións esta mañá. Eran ás 9:20h cando se tiñan que desprazar ata o lugar de Barbeira, na parroquia de Fontecada, en Santa Comba, por un accidente. Un coche envorcara, e a condutora e única ocupante quedara no interior. Os Bombeiros, Protección Civil e a Policía Local de Santa Comba conseguían sacala pola porta do maleteiro tras liberala do cinturón e cun taboleiro espinal.
Unha vez rematada a extración, sendo a condutora trasladada polo 061 de Santa Comba o Clínico de Santiago.
Intoxicación por monóxido
Pouco despois, antes das 11:00h, recibían chamada dende o Lugar de Pazos, en San Cosme de Antes, Mazaricos, sobre unha posible intoxicación de tres persoas nunha vivenda a causa dunha posible fuga de gas. Afortunadamente non había ningunha persoa no interior da vivenda xa á súa chegada, pois os habitantes da casa saíran ao notar o cheiro.
Os Bombeiros realizaron medicións co exploxímetro dando, efectivamente positivo en monóxido de carbono. Os tres ocupantes foron evacuados por urxencias médicas o CHUS, o máis novo resultou o máis afectado polo que foi trasladado polo H3 e os outros dous ocupantes por ambulancia medicalizada.