Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Un cento de periodistas e especialistas sumérxense no Congreso de Periodipesca de Santa Comba

Congreso de Periodipesca en Santa COmba
Congreso de Periodipesca en Santa COmba
Un cento de periodistas e especialistas sumérxense no Congreso de Periodipesca de Santa Comba

Baixo o lema "Santa Comba, moito máis que historia”, a vila xalleira acollerá do 16 ao 19 de maio a XXVII Convención da Asociación Internacional do Xornalismo Especializado en temas de pesca, caza, natureza e turismo rural e de aventura: Club Periodipesca.

Este ano, o principal obxectivo céntrase na “sostenibilidade” e o “interese común”, neste evento no que participarán un centenar de persoas de España e Portugal, entre xornalistas, colaboradores de prensa, expertos e entendidos.

As conferencias, nas que intervirán ponentes de primeira liña e tratarán temas de máxima actualidade, conforman as principais actividades, xunto co Campionato Internacional de Pesca de Salmónidos. Dentro dos relatorios, destaca a que o escritor Manuel Vilar Álvarez falará sobre O Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, na súa variante máis primitiva que discorría a través da ponte romana de Brandomil.

Tamén se ofrecerán degustaciones de produtos da Terra, do Río e do mar, catas de viños portugueses, galegos e doutros puntos de España, así como as Exposicións de pintura sobre o Camiño de Santiago dos artistas Irma Mª Loureiro ou Joaquín Formoso e dos magníficos traballos do debuxante e caricaturista internacional Omar Pérez. Todas estas obras cubrirán as paredes do Museo do Xallas-Casa do Pozo.

Tampouco faltarán as tradicionais excursións a diferentes puntos do Concello, así como a visualización do Documental Turístico de Santa Comba, que xa comezou a rodar a productora galega Lumavisión Galicia.

As previsións de participación (nos catro días) rolda o centenar de persoas de España e Portugal, entre xornalistas, colaboradores de prensa, expertos e entendidos.

Recoñecementos

Do mesmo xeito que anteriores edicións, o Congreso de Periodipesca recoñecerá o labor de diversas autoridades, institucións, deportistas e medios de comunicación polo seu bo facer nos seus respectivos cometidos. Así, nomearase socios de honor ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Sanlices Vieira; á alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pouse Rodríguez, e á xalleira Michele Rodríguez Oreiro, Madrina do XXVII Congreso de Periodipesca. Ademais, a institución premiada desta edición será a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Os premios a medios de comunicación outorgaranse á Televisión Autonómica de Estremadura polo seu programa Cazadores de Lances, e ao Diario de Valladolid-O Mundo de Castilla-León. A Asociación Española Distinguida será a Sociedad Deportiva Río Sar de Santiago de Compostela e a Sociedade Portuguesa Galardonada, o Clube de Caça e Pesca de Aveiro/Vouga. Polo seu poder de superación, o Deportista Seleccionado será José Gerpe Estévez (persoa cega que segue acompañando aos seus colegas ao monte e ao río), mentres que o Personaxe Homenaxeado, Manuel Andrade Cristóbal, expresidente da Real Federación Española de Caza e da FACE (European Federation for Hunting Conservation), pola súa dedicación e valiosa achega ao mundo venatorio.

Comentarios