Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Tanxugueiras: "Soñamos con que a nosa música se escoite en cada vez máis escenarios”

Tanxugueiras na Capitol
Tanxugueiras na Capitol
Tanxugueiras: "Soñamos con que a nosa música se escoite en cada vez máis escenarios”

Hoxe entrevistamos a Sabela Maneiro, percusionista, vocalista e compositora en Tanxugueiras. Sabela xunto coa súa irmá Olaia Maneiro e Aida Tarrio forman un dos grupos galegos de música tradicional galega máis coñecidos a nivel nacional. O seu último single Midas, acumula preto de 270.000 visualizacións. Mañá, Santa Comba acollerá un concerto deste grupo que o próximo día 3 de Xullo, se irá a Bélxica a interpretar música tradicional galega ao  Festival Folk internacional Gooikorts.

Este martes 29 estará no Campo da Feira de Santa Comba no marco das Festas de San Pedro. Na previa falamos con ela.

 TANXUGUEIRAS_PROMOHORIZONTAL
  • A.G.R: En que ano e como nace o grupo?

A finais de 2015. Nace como un xeito de compartir a cultura que temos e divertirse. Olaia e eu somos irmás e compartimos o gusto pola música, cando coñecemos a Aida decidimos crear algo propio. Non tiñamos pretensións de que isto collera as dimensións que está collendo, hai videos nos que temos case 300.000 visualizacións. Estamos moi contentas e orgullosas de dicir que vivimos da música tradicional. Traballamos por e para Tanxugueiras.

 
  • A.G.R: Que mensaxe pretendedes lanzar mediante a vosa música?

O que sentimos, vivimos e como nos sentimos identificadas. As tres somos mulleres, sabemos o que é ser muller e o custe que ten para unha muller chegar a certos ámbitos da vida, simplemente por ser muller. O que queremos trasmitir é liberdade, empoderamento, diversión e que a xente hai que deixala ser. A nós o que nos gusta son as persoas libres e naturais, non hai que pretender cambiar a ninguén. Outra das mensaxes que lanzamos é que a música tradicional non morreu, segue aí e temos que coidar o noso. É a nosa responsabilidade manter a nosa música e tradición. Algo que queremos trasmitirlle á xente nova é que moitas veces se asocia a música tradicional cunha idea que non se corresponde. Non é só unha pandeireta e a xente berrando de fondo, hai moito transfondo detrás e iso é o que queremos transmitir.

 
  • A.G.R: De que fontes bebe a vosa música?

De fontes tradicionais galegas e desas mulleres que fixeron que o noso patrimonio oral e cultural sexa o que é. Despois tamén contamos con outras influencias e estilos moi variados, pois son as que hai hoxe por hoxe, pero a base é a música tradicional galega. Nós escoitamos todo tipo de música, relacionámonos con moita xente de estilos moi diversos e non podemos nin queremos ser alleas a elas . Á hora de facer arranxos compositivos, sí que son frecuentes os toques modernos, urbanos, en resumo, diferentes. Isto tamén é porque ademais de conservar, queremos que a música tradicional non morra. Para isto temos que facer que os rapaciños e rapaciñas, que son os que nun futuro sustentarán o noso, se acheguen. Necesitamos conectar cos máis novos, falar a súa linguaxe.
O papel da muller rural destaca, sen dúbida, nos vosos videoclips.
A música de Galicia está ligada coas persoas que fixeron esa músicas. Eran mulleres que o seu papel estaba totalmente sometido ás labores de casa, co cal sustentaban a casa pero tamén eran as encargadas de facer os seráns e as foliadas. Facian poesías sin saber ler nin escribir e poñíanlle ritmo. Como non van ser as nosas superheroínas? Eran superheroínas e non eran conscientes diso. Eran e son moi modestas. Ti vas recoller a casa dunha señora as súas pezas e elas mesmas se quitan importancia. Toda a vida se lle restou importancia ao papel da muller, os gaiteiros cobraban, as pandereteiras non. Galicia sostiñaño as mulleres traballando no campo e na casa. Sen elas, nós non poderiamos dedicarnos a isto. Hai que agradecerlle moito todo o que nos deixaron. É importante non esquecer de onde un vén.

 
  • A.G.R: Como levades a fama?

(Risas) Non somos famosas nin moito menos, considerámonos coñecidas dentro do noso mundo. Facemos música, hai xente que lle gusta e a escoita e iso é maravilloso. Non é algo que persigamos, facer as cousas con moito . De vez en cando sí que nos paran pola rúa pero non é o habitual ( Risas) O que máis orgullo nos produce é dicir que vivimos da nosa música.

 
  • A.G.R: Hai moito traballo detrás que a xente non percibe, que sacrificios dirías que hai detrás do mundo da música?

Hai moitísimo traballo detrás dun disco, dunha contratación, incluso dunha publicación de Instagram. Considerámonos afortunados porque a donde non chegamos nós, chega a nosa axencia Play Plan. Sabemos que tes que adicar a moitas horas e renunciar a moitos plans de ocio. Non é só a hora/hora e media que te subes ao escenario. Hai moita aprendizaxe e estudio. Leva moito traballo pero aquí estamos.

 
  • A.G.R: Colaborachedes coa Real Filharmonia de Galicia, con artistas como Uxía Cenlle… Hai algún grupo co que vos fixese especial ilusión colaborar?

Encantanos Escocia e colaboramos cun grupo de Escocia, Shooglenifty, un dos mellores grupos de música folk. Hai xente coa que colaboramos coa que facemos proxectos moi bonitos como , Niuss, un grupo valenciano. Fomos ata Valencia só para participar con eles, nunha campaña para Cruz Vermella. O vídeo está en Youtube, chámase ``Palabras que abrazan´´. É difícil escoller entre as colaboracións.

 
  • A.G.R: Con que grupo ou artista vos gustaría facer unha colaboración nun futuro?

Dende Guadi Galego, Sés e demais profesionais do panorama música galego ata cantantes máis internacionais como poden ser Nathy Peluso, Iván Ferreiro, Retry que produceu o disco de Rosalía… Con Rozalén tamén me encantaría colaborar, paréceme entrañable e persoas coma ela, son super necesarias neste mundo no que vivimos.

  • A.G.R: Como nace o voso proxecto “Mira unha cousiña”?

Comezou no confinamento. Chegou un punto no que era difícil non tolear así que decidimos retransmitir conversas con outros artististas para coñecelos a nivel máis persoal e saber como estaban a levar a situación. Empezamos os Tanxovermús, os domingos á 13:15. Polo Mira unha cousiña pasou xente como Gayoso, Touri, Cristina Pato, grupos como Verto… Unha vez que rematou decidimos facer máis tempadas porque vimos que á xente lle gustaba. Nesta última xa non faciamos as conversas dende a casa senon dende un estudio en Bueu. Polo plató pasou xente do mundo da arte, poesía, pintura, música… Artistas como Iván Ferreiro, David Amor, Paula Cons, directora de moitoas películas entre elas, A Illa das Mentiras, o grupo SonDaRúa… A xente que non veu ás conversas, porque non o sabía ou andaba perdido polo mundo poden velas en www.taxungueiras.com e se non queren velas, e prefiren escoitalas poden facelo en Spotify. (Risas)

  • A.G.R: Ata que lugares levades e leváchedes o galego?

Pois en nada estamos en Bélxica tocando en galego. A min non me parece raro que a nosa lingua chegue lonxe. É como se vén Madonna ou Dua Lipa ninguén lle pediría que cantase noutra lingua. Eu iría aos concertos aínda que non entendese o inglés. A música é música e pódese disfrutar igual A música é o idioma universal, da igual en que idioma fales. Nos festivais de música folk congregánse diferentes músicas do mundo, con diferentes raíces, relixións e falas, e non hai ningún problema, ao contrario é moi enriquecedor. Oxalá este tipo de festivais se abran pasos en festivais a nivel nacional. O galego é unha lingua que vén do latín, se queres entendela perfectamente.
Ademais de Bélxica tocamos na India, en Suiza, en Cuba, en Escocia…
Hai moitisimos proxectos para saír. A nosa música é moi acollida fóra das nosas fronteiras. O único límite é o chan, daí para arriba.

  • A.G.R: Cales son os soños que perseguides como grupo?

Diría que soñamos con que a nosa música se escoite en, cada vez, máis escenarios. As cousas están cambiando, estanse achegando máis a música de raíz. Gustarianos viaxar, facer carretera, a nivel Galicia, España e internacional, participar en festivais indies coñecidos…

  • A.G.R: Un exemplo?

Pois por exemplo no Coachella. Incluso facer a banda sonora dunha peli que o triunfe. Non é probable, pero pode pasar. Sempre hai que tentar ir máis alá.

Comentarios