xoves. 15.05.2025
El tiempo

A cultura enche a axenda de Vimianzo

A cultura enche a axenda de Vimianzo
O mes de agosto arranca con forza en Vimianzo. O departamento de Cultura - dirixido por Marta Rey - ofrece unha gran variedade de actividades para esta fin de semana. A primeira das actividades é hoxe, ás 21 horas, coa inaguración da mostra de pintura "Matriz" coa que a artista Teresa Candal (A Coruña, 1975) pretende facer unha "metáfora do nacemento" na que a muller é a é a protagonista, relacionada coa natureza e a mística. A exposición pódese ver na Casa da Cultura vimiancesa até o 1 de setembro. Tamén esta noite, ás 21 horas, sairá unha expedición de camiñantes para participar na visita nocturna ao patrimonio de Berdoias e para a cal xa non quedan prazas dispoñibles. Da man do colectivo A Rula, máis de 50 persoas coñecerán de primeira man a arquitectura popular da aldea, a historia dos fidalgos Lema, o dolmen da Casota de Berdoias e o conxunto de petróglifos do Pedrouzo. Onde aínda si hai inscricións disponibles é na saída do sábado ao "Porto de Cereixo", unha xoia medieval na boca da ría. Unha igrexa románica única, o pazo das Torres, o muíño de mareas, o antiquísimo carballo, a arquitectura popular co grande hórreo da Vila Purificación, xunto coa natureza do río e a ría fan do Porto de Cereixo un gran atractivo patrimonial. A súa historia de orixe medieval contarase a partir das 11:30 horas. A entrada é de 3 euros para adultos, menores de 16 gratis (guía e transporte até O Porto de Cereixo incluídos). Alén da Mostra de Artesanía ao Vivo que se pode ver no castelo de Vimianzo, os artesáns realizan cada sábado diferentes obradoiros para os visitantes. Este sábado a partir das 17 horas poderáse probar a facer un cesto co artesán Manolo da asociacióin Neira Marcos de Salto. Ademais na cociña do castelo continúa a exposición Moda Liño: Colección 1900, onde se poden ver diferentes pezas de roupa confeccionadas pola asociación de Amigos do Liño. Todas elas están inspiradas na moda de comezos do século XX, recóllense desde complementos de fogar, como sabas ou manteis, até traxes de época ou elaborados vestidos de noiva. Pódese ver a exposición até o 15 de agosto. A programación extraordinaria complétase ademais coas habituais visitas guiadas e teatralizadas. As visitas guiadas ao castelo son sábado e domingo ás 12  e 19 horas, as teatralizadas os domingos ás 13 e 17 horas, e as do conxunto etnográfico do Mosquetín ás 13 e 18 horas. Novas relacionadas Fonte 
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Vimianzo

Comentarios