A tradición, a gastronomía e a festa únense na terceira Muiñada de Vimianzo
08:02 11/10/17
Revivir a tradición, recuperar traballos practicamente desaparecidos, desfrutar da gastronomía doutras épocas e, sobre todo, pasalo ben serán os ingredintes principais da 3ª Muiñada de Vimianzo organizada polas asociacións Cherinkas e Axvalso, en colaboración coa veciñanza, co concello e coa Deputación da Coruña.
A cita será no Muíño da Agra o vindeiro sábado 21 de outubro. Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado retro e de produtos ecolóxicos, ao xeito dunha feira das de antes. A festa comeza xa ao mediodía nos diferentes establecementos da vila que estarán animados con cantos de taberna, microteatro e obradoiros de muiñeira en lugares nada convencionais.
A partir das 16 horas a Muiñada trasládase á carpa instalada ao carón do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas a cargo dos Campantes da Baña, que dará paso á apertura do Mercado Retro, a feira ecolóxica e unha pequena exposición de imaxes antigas do Val de Vimianzo. Un fotógrafo de época tirará imaxes dos asistentes.
A partir das 16:45 horas será o turno do teatro coa compañía Trinke Trinke e co alumnado do IES Terra de Soneira quen se encargarán de realizar unha pasarela de vellos oficios, que dará paso á visita teatralizada ao Muíño da Agra. Seguidamente comezan os xogos populares, como o gran concurso de debullado de millo, obradoiros de muiñeira, de cantaría e de filloas.
E despois de tanta actividade os asistentes xa estarán preparados para a cea tradicional, con broa, empanada de millo, costela, filloas, caldo de rabizas con chourizo e as esperadas papas de millo. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos”.
Concertos e vestimenta da época
Na pasada edición da Muiñada de Vimianzo actuaron grupos como Caxade
Coa comida e o magosto popular, a música da foliada de diferentes grupos da zona desembocará na noite de concertos cos grupos Ghaveta, Tanxugueiras e A Compañía do Ruído.
Dende a organización sinalan a importancia da colaboración da veciñanza nos diferentes aspectos da festa. Os veciños e veciñas poderán achegar imaxes antigas de Vimianzo, participar na feira de antigüidades ou na ecolóxica. Antes deben de poñerse en contacto coa AC Cherinkas a través da súa páxina de facebook ou no correo electrónico [email protected].
E tamén dende a organización e animan a todas aquelas persoas que acudan a festa a que vaian vestidas ao xeito da época e colaborar así na ambientación da festa.
Novas relacionadas
- 2017: Vimianzo recupera o Muíño de Pasantes
- 2016: Sábado de encaixe e muiñada en Vimianzo
- 2015: Isto si que é Muiñada.
- 2014: Vimianzo estreou os Menús de Primavera volvendo ao Muíño da Agra despois de 40 anos
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- AC Cherinkas.