Chévere, Cándido Pazó, Alex O’Dogherty ou Evaristo Calvo, entre as propostas da FIOT para esta finde

Unha decena de espectáculos e actividades protagonizan a cuarta semana do FIOT34, con Chévere, Cándido Pazó, Gabriel Chamé Buendía, Needcompany, Alex O’Dogherty, Evaristo Calvo, Lucas Escobedo e a Compañía Nacional de Teatro Clásico, entre moitos outros artistas.
Para abrir boca, hoxe mércores, 15 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a compañía Chévere, da man de XRon, conversará co público en torno ao proceso de creación do seu próximo espectáculo, Ictus, a derradeira leición. Ao día seguinte, Cándido Pazó presentará en aberto o seu libro Apaga o candil; a cita será o xoves, 16 de outubro, ás 20.00 horas, tamén no Pazo da Cultura.

O Programa de Sala do FIOT achegará ao público tres pratos fortes esta fin de semana: o venres 17, ás 21.00h, regresa a Carballo Gabriel Chamé Buendía, coa súa versión de Shakespeare Medida por Medida (La culpa es tuya). Mentres, a prestixiosa compañía belga Needcompany visita por primeira vez o FIOT con Un sublime error, un exquisito monólogo interpretado polo sempre interesante Gonzalo Cunill, que poderá verse o sábado 18, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura. Pola súa banda, Lucas Escobedo únese á Compañía Nacional de Teatro Clásico en Farra, una premiada proposta para todos os públicos –gañadora do Premio Max 2025 ao mellor espectáculo musical– que mestura circo, teatro, música en directo, verso e tradición barroca e chega ao FIOT o domingo 19, ás 20.00 horas. O público terá a oportunidade de escoitar en primeira persoa ao artista e conversar coa compañía nun Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas arredor de Farra, que o festival organiza –con entrada libre– o domingo 18, ás 12.30h, no Pazo da Cultura.
Paralelamente, a Rúa dos Contos despídese dos escenarios este 2025 cun dos cómicos máis agardados do seu programa, Alex O’Dogherty, que o sábado 18, ás 23.00h, presentará no Mercado Municipal a súa nova creación Palabras mayores. Tamén este sábado 18, o FIOT acollerá tamén dúas novas funcións do VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2, coa representación das creacións O novo, de Dani Blanco, e Covers2, de Corifeo Teatro, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, na Residencia de Maiores e na Terraza da Cafetaría do Pazo da Cultura, respectivamente.
Xa o domingo 19 de outubro, pola tarde, contra ás 18.00 horas, o FIOT en Ruta aterrará no Serradoiro Eucatar de O Tarambollo, en Sofán, coa obra Mala vida e pior morte de Ricardo III, de P.T. Excéntricas, protagonizada por Evaristo Calvo. Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.