Martes. 29.11.2022
El tiempo

Alejandro Rodríguez elude responsabilidades sobre a Casa da Cultura

Alejandro Rodríguez elude responsabilidades sobre a Casa da Cultura
O ex alcalde de Vimianzo, Alejandro Rodríguez, asegurou na mañá de onte luns, que se atopa á marxe de todo o que ten que ver coa obra da Casa da Cultura do municipio soneirán. Nunha entrevista concedida a Radio Nordés, Rodríguez pediu que os responsables da obra paguen a débeda que debe afrontar o Concello co patrimonio particular, unha débeda que, lembramos, está relacionada coa obra feita a maiores nas instalacións do centro cultural vimiancés. Alejandro Rodríguez culpou ao socialista José Antonio Miñones de non querer saber nada da débeda cando desenvolvía tarefas de goberno. O ex primeiro edil asegurou que se as responsabilidades foran asumidas no momento axeitado, a débeda reduciríase en catrocentos mil euros. Rodríguez chamou a unha especie de revolución entre os habitantes de Vimianzo, de tal xeito que pediu que esixan aos responsables que fagan fronte á débeda co seu patrimonio. O ex rexedor concretou que había dous dictames “moi claros” e unha sentenza “que dicía que había que pagar”. Rodríguez afirmou que a empresa pedía 600.000 euros para evitar a vía xudicial e agora vai haber que pagar “arredor dun millón de euros”. A débeda da obra feita a maiores na Casa da Cultura, non ten aínda un responsable claro que ordeara levar a cabo o proxecto. Alejandro Rodríguez denunciou “a mala xestión do goberno municipal na miña ausencia no final da pasada lexislatura, xa preto da campaña electoral”. Durante ese periodo fixéronse varias obras públicas que polo momento están sen pagar. Rodríguez afirmou que deixou diñeiro suficiente para facer fronte a esas facturas. Por último, e para solucionar o problema coa Casa da Cultura, Alejandro retou ao actual alcalde, o nacionalista Manuel Antelo, a un debate público con quen tomaron parte na obra do centro cultural para “clarexar responsabilidades”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Radio Nordés - Cadena Ser.

comentarios