CAMIÑO
A Asociación Baíñas no Camiño acondiciona sinalizando e prantando frondosas a Vía Mariana
Boa iniciativa da Asociación Baíñas no Camiño que está a plantar varios centos de frondosas a carón dos camiños polos que discorre a Vía Mariana. A Vía Mariana é ese proxecto luso-galaico que vertebra os grandes santuarios marianos entre a cidade de Braga e a localidade de Muxía. En moitos casos estes santuarios son a cristianización de cultos ancestrais con milenios de antigüidade.
A Asociación Baíñas no Camiño e a Asociación de Berdoias forman parte do proxecto xunto co Concello de Vimianzo. Esta ruta, que discorre por camiños medievais da antiga Gallaecia, ten un enorme potencial, pois os camiñantes que buscan este tipo de roteiros relixiosos, panteístas, culturais e históricos van en aumento. O Concello de Vimianzo demostra o seu apoio a esta ruta, e colabora coa iniciativa da plantación e, por outra banda, está pintando os elementos de sinalización necesarios na ruta. As plantas foron cedidas pola empresa ENCE.
Novos albergues
O Concello de Vimianzo ten prevista a apertura de dous albergues municipais no Outeiro e no Orbellido, na parroquia de Baíñas, e facilitar o uso de instalacións municipais para a acollida de camiñantes. En canto á parroquia de Berdoias estanse estudando iniciativas para apoiar esta ruta.