O BNG de Vimianzo pide investimento en saneamento e estradas
O BNG de Vimianzo vén de facer público un comunicado no que denuncia "o lamentable estado xeralizado" das estradas municipais e cualifica de “completamente insuficiente” o recente anuncio do goberno local sobre o arranxo da vía Carnio-Serramo.
Os nacionalistas acusaron ao executivo municipal de “falta de xestión e despilfarro dos recursos da veciñanza”. Neste sentido, lembraron que os elevados ingresos percibidos a través do imposto do IBI permitiron que "o Concello de Vimianzo contase nos tres últimos anos coa partida orzamentaria máis elevada da Costa da Mort"e. Porén, consideran que "ese importante volume de recursos está a destinarse principalmente a actos lúdicos e propaganda, en lugar de empregarse en investimentos prioritarios e de primeira necesidade, como o mantemento das vías
de comunicación ou a ampliación dos saneamentos."
Por este motivo, o BNG anunciou que volverá reclamar no vindeiro pleno municipal o arranxo urxente da rúa Codeseiras, en Vimianzo, así como das vías Areosa-Salto, Carnio-Colúns e Serramo-Baiñas, e os viais de Ogas, entre outras.
Segundo denunciaron os nacionalistas, todos estes viais presentan “un estado lamentable, o que supón un evidente risco para a circulación e para a seguridade da veciñanza”.