Renovado o Centro de Interpretación do Encoro do Orbellido en Baiñas
O Concello de Vimianzo vén de rematar as obras de reforma do inmoble que acollerá o novo Centro de Interpretación do Encoro do Orbellido, na parroquia de Baiñas. A actuación foi financiada a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) e supón un novo impulso á posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico do municipio.
A intervención permitiu rehabilitar integralmente o edificio, mellorando as súas condicións de conservación, funcionalidade e accesibilidade. Os traballos incluíron actuacións para eliminar humidades, renovar pavimentos e carpinterías, mellorar os acabados interiores, instalar sistemas de ventilación e deshumidificación, ademais de dotar o espazo de mobiliario e paneis interpretativos que permitirán divulgar os valores ambientais, históricos e culturais da contorna do Encoro do Orbellido.
O investimento total da actuación ascendeu a 25.842,45 euros (IVE incluído), financiados polo GDR, permitindo recuperar un edificio municipal e transformalo nun novo recurso turístico, educativo e divulgativo para a parroquia de Baiñas e para todo o concello.
