Coeducación para o 8M vimiancñes
Vimianzo conmemora o 8M cun programa de actividades para promover a igualdade en Vimianzo. O Concello de Vimianzo organiza unha programación especial con motivo do Día Internacional da Muller, que se desenvolverá entre os días 3 e 9 de marzo baixo o lema “Construíndo Igualdade”, coa finalidade de promover a sensibilización social, a educación en igualdade e a participación da veciñanza nesta data reivindicativa.
A programación dará comezo o martes 3 de marzo, entre as 10:00 e as 12:00 horas, co Roteiro 8M, un percorrido de 6,3 quilómetros guiado polo alumnado de 4º da ESO, con saída desde o Miradoiro 8M e aberto ao público en xeral.
O xoves 5 de marzo, de 11:00 a 12:00 horas, Trémola Teatro contacontos infantil “Vamos ao recreo”, unha proposta teatralizada centrada na igualdade dirixida ao alumnado de educación infantil do CEIP San Vicenzo, CEIP de Baíñas e da Escola Infantil de Carantoña.
Venres 6 de marzo
Un dos actos centrais terá lugar o venres 6 de marzo, coa actividade “Construíndo Igualdade”, unha proposta lúdica e coeducativa dirixida ao alumnado de educación primaria dos centros educativos de Vimianzo e Baíñas.
Enmarcada no contexto do 8 de marzo, “Construíndo Igualdade” é unha experiencia deseñada para traballar a igualdade de xénero na escola a través do xogo e de materiais manipulativos. A actividade parte da idea de que construír relacións igualitarias é un proceso colectivo no que nenas e nenos participan en igualdade de condicións.
A primeira parte da actividade desenvolverase no pavillón polideportivo, onde cada participante elaborará o seu propio bloque a partir de materiais reciclados.
Posteriormente, xa na Praza do Concello e tras decorar os bloques con motivos do Día Internacional da Muller, o alumnado construirá un muro simbólico que representará o compromiso colectivo coa igualdade plena. Esta acción sitúase dentro da liña de traballo municipal en materia de educación para a igualdade, prevención da violencia de xénero e coeducación desde a infancia, favorecendo a construción dunha identidade non sexista e o desenvolvemento de habilidades cooperativas e empáticas.
A actividade culminará coa lectura do manifesto do 8M na Praza do Concello por Dna. Mª del Carmen Vázquez, nun acto aberto á participación da veciñanza.
Este mesmo día ás 20:00 horas celebrarase o acto de inuguración da edxposción da artista Viki Rivadulla “Onde habitan as mouras- Cartografías de nós” ampliando a programación cultural vinculada á reivindicación do 8 marzo.
A programación completarase o luns 9 de marzo, de 17:00 a 18:00 horas na Casa da Cultura, coa conferencia “Muller e Saúde”, impartida pola doutora Teresa Castro, quen abordará o ciclo vital feminino e os seus principais procesos desde unha perspectiva de xénero.