Complícase a polémica pola nova ubicación do mercado dos xoves de Vimianzo

A decisión do Concello de Vimianzo é clara. Ata o mes de setembro a ubicación do mercado dos xoves será no espazo arredor da Casa da Cultura. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, non pensa ceder ante as presións que están a levar estes días os feirantes, que hoxe xoves, coincidindo ca feira, se manifestaban polo centro da vila, coas furgonetas pitando, protestando por recuperar a ubicación de sempre, no centro da vila.
É certo que parte dos feirantes (ata un 75% nalgunha ocasión) non está montando os seus postos, e isto pode afectar a todo o comercio e hostalería de Vimianzo, que necesita dos xoves para ir reactivando a súa economía.
Así protestaban esta mañá os feirantes polo mantemento da ubicación transitoria do mercado dos xoves de @Vimianzo15129
— Quepasanacosta (@quepasanacosta) July 2, 2020
Aquí analizamos a situación: https://t.co/vIKaMIC45i pic.twitter.com/nZlhdrZiOD
Rodríguez insiste en que xa falou con eles en varias ocasións, e “saben que é unha circunstancia provisional. Non me vale polemizar. Aquí o que vale é ser responsables e ter preocaución. Teño que coidar a saúde dos meus veciños, e non podemos pechar os ollos a unha situación de tanta gravidade. Por iso tomamos esta decisión de responsabilidade de sentido común”.
A rexedora valora igualmente que “dende hai 6 xoves puideron vir o 100% dos feirantes se ben eles teñen dereito a non vir e tamén a manifestarse”.
Adiante Vimianzo pide consenso
A pasada semana o grupo de Adiante Vimianzo apelaba ao consenso entre goberno municipal e os representantes dos feirantes para evitar que se poña en perigo a feira. Piden que se teñan en conta as propostas e consideran que “unha vez rematado o Estado de alarma, non entendemos os motivos para que se queira manter a celebración da feira, unilateralmente, na contorna da Casa da Cultura ata o 1 de outubro”.
Para a oposición “a única maneira de salvar a feira de Vimianzo é chegar a un consenso para que volva ao seu sitio orixinal. A feira é un revulsivo económico e social para o noso concello, e o seu éxito está, precisamente, en que se celebre nas rúas do casco, creando unha situación de beneficio mútuo para a hostalaría, o comercio e os feirantes”.