O Día da bici e andainas a descubir Recunchos, os novos plans de Vimianzo
O Concello de Vimianzo continúa desenvolvendo unha programación diversa dirixida á veciñanza coa posta en marcha de novas actividades centradas no coñecemento do territorio, a práctica deportiva e a promoción de hábitos de vida saudables.
Entre as propostas previstas para as próximas semanas destaca unha nova edición de Recunchos, un programa de andainas interpretativas que permitirá descubrir a riqueza natural, histórica e patrimonial do municipio a través de diferentes percorridos guiados.
A primeira actividade, “Dende Vimianzo a Castrobuxán”, celebrarase o 20 de xuño, con saída ás 09:30 horas e remate estimado arredor das 14:00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse a través neste formulario.
O programa completarase con novas citas ao longo dos próximos meses: Os Penedos de Pasarela e Traba (11 de xullo), Bamiro: un paseo pola historia (29 de agosto), Noite de petros (4 de setembro) e Polas terras de Salto (19 de setembro). Todas as andainas comezarán ás 09:30 horas, agás Noite de petros, que dará comezo ás 21:00 horas.

Día da Bici
Por outra banda, o Concello celebrará o 21 de xuño o XIII Día da Bicicleta, unha actividade consolidada no calendario municipal que ten como finalidade fomentar o uso da bicicleta como práctica deportiva saudable e como medio de transporte sostible.
A concentración das persoas participantes terá lugar ás 10:30 horas na Praza do Concello, mentres que a saída está prevista para as 11:00 horas. A marcha cicloturista contará cun percorrido aproximado de 11 quilómetros, pensado para todos os públicos e especialmente para desfrutar en familia, percorrendo distintas rúas do núcleo urbano e diversos espazos da contorna do Val de Vimianzo.
A organización lembra que será obrigatorio o uso do casco durante toda a actividade. As inscricións poden realizarse a través deste formulario.