Fai falta información sobre a nova lei de limpeza de montes
08:21 16/07/18
Fai falta información. Así quedou patente na charla informativa do pasado xoves do Concello de Vimianzo sobre sobre tala e limpeza de fincas para a prevención de incendios, á que acodiron máis de 350 persoas que ateigaron o auditorio da Casa da Cultura.
350 veciñas e veciños, a meirande parte propietarios e cunha media de idade avanzada, que necesitan saber que teñen que facer cos seus terreos.
O alcalde, Manuel Antelo, acompañado do axente forestal Xoán Camafreita, aclaráronlle ás persoas asistentes as obrigas das propietarias e propietarios de fincas. O axente forestal explicou detalladamente a lexislación autonómica que obriga a limpar as fincas antes do 30 de maio de cada ano.
O alcalde, pola súa banda, insisitiu en que a limpeza das fincas vai mais alá de escapar das multas, e destacou os beneficios a longo e medio prazo das limpezas, sobre todo nas proximidades dos núcleos co obxectivo de evitar que o lume afecte a vivendas.
Ao final das intervencións abriuse unha quenda de preguntas no que o axente forestal atendeu ás dúbidas concretas dos propietarios e propietarias.