xoves. 02.04.2026
El tiempo

As familias de Baíñas esixen a cobertura inmediata da praza de conserxe no centro educativo

Imaxe Familias Baíñas
As familias de Baíñas esixen a cobertura inmediata da praza de conserxe no centro educativo

Esta mércores tivo lugar unha concentración de pais e nais diante do Colexio Público de Baíñas, no concello de Vimianzo, para reclamar a cobertura inmediata da praza de conserxe no centro educativo.

As familias denuncian que o colexio leva varias semanas sen persoal de conserxería, o que dificulta o normal funcionamento das instalacións e supón un risco para a seguridade e o correcto desenvolvemento das actividades diarias. Segundo explican, o conserxe é unha figura imprescindible para a atención ao alumnado, o control dos accesos e o mantemento básico do edificio.

Durante a concentración, os pais e nais portaron pancartas e leron un manifesto no que instan ao Concello de Vimianzo (é competencia municipal) a cubrir de maneira urxente a praza vacante, lembrando que se trata dun servizo esencial para o bo funcionamento do centro e para garantir unhas condicións axeitadas tanto para o alumnado como para o profesorado.

A comunidade educativa de Baíñas anunciou que manterá as mobilizacións ata obter unha resposta oficial e unha solución efectiva á situación.

Comentarios