A formación sobre o eclipse chega a todas as aristas vimiancesas
Concello de Vimianzo fai unha valoración moi positiva da programación arredor da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto, que contou cunha ampla participación e interese por parte da veciñanza.
As charlas desenvolvidas no IES Terra de Soneira tiveron unha acollida extraordinaria, destacando especialmente o interese e a curiosidade amosada pola rapazada, que participou activamente e sorprendeu polo seu entusiasmo cara ao coñecemento do ceo.
Pola súa banda, a charla dirixida ao público xeral rexistrou tamén unha moi boa asistencia, confirmando o interese que esperta este fenómeno único entre a poboación.
A alcaldesa foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, agradecendo a súa participación e destacando a presenza do relator, Javier Ares, quen fixo un oco na súa axitada axenda para estar en Vimianzo. “Dende as auroras boreais de Finlandia ao corazón da Costa da Morte”, sinalou, poñendo en valor a traxectoria do ponente.
Así mesmo, quixo agradecer a implicación do público asistente e o traballo da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, destacando o seu labor na difusión e defensa do potencial do territorio para o turismo das estrelas.

Dende o Concello sublíñase a importancia de que a veciñanza conte con información clara para entender e observar a eclipse con seguridade, facendo fincapé no uso de gafas homologadas. Así mesmo, anímase a informarse sobre as zonas onde a eclipse será total ou parcial na Costa da Morte, para non perder unha oportunidade única de vivila.
Esta programación enmárcase tamén na vontade de potenciar Vimianzo como destino
Starlight, poñendo en valor a calidade do seu ceo e reforzando a Costa da Morte como un lugar privilexiado para o turismo das estrelas.
O Concello reafirma así o seu compromiso con iniciativas que conectan á veciñanza co territorio e que contribúen a situar a Costa da Morte como referente na observación do ceo nocturno.