Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Música e millo para a II Muiñada de Vimianzo

Música e millo para a II Muiñada de Vimianzo
Muinada Vimianzo 2016 O 5 de novembro, a Cherinkas pon a secar o millo para a II Muiñada, que se celebrará no Muíño da Agra onde que se volverá aos tempos dos avós. Tralo éxito da primeira edición, Vimianzo volverá vivir unha Muiñada singular, á que este ano se lle suma unha gran foliada e magosto popular. Revivir a tradición, recuperar os traballos asociados ao millo como a esfollada, o debullado e finalmente o moer que se poderá ver ao vivo no propio Muíño da Agra, interesante monumento anterior ao século XVIII. A festa comezará ás 16:00 da tarde cunha benvida aos visitantes cunha Sesión Café de pota, acompañado de chulas e da música de Ad Heyra Liti. Un grupo ourensán formado por Erea Carbajales (violín) e Aser Rodríguez (guitarra) caracterizado pola actualización dos sons folk tradicionais da música celta, islandesa e incluso australiana. De seguido terá lugar a representación de diferentes escenas relacionadas cos traballos do millo na Visita Guiada Teatralizada, con diferentes actrices e actores que traerán á Agra escenas cotiás dos tempos da posguerra. Na mesma está incluída unha actuación da Asociación Trubisquiña de música tradicional e a demostración de como moe o Muíño da Agra. A Visita volverá repetirse ás 6 da tarde. Ás 17h30 proxectarase unha peza audiovisual que explica o proceso do millo gravada por veciños de Vimianzo, que incluso se vestiron para a ocasión. E é que nesta festa, a organización recomenda aos visitantes tamén vir vestidos ao xeito labrego dos anos 30-40. Tamén haberá unha exposición de fotografías sobre a Muiñada do ano pasado. O millo será o protagonista tamén dos xogos populares que se celebrarán a partir das 7 da tarde: esfollada de millo e outras probas “muiñodeportivas” que de seguro van atrapar a atención dos máis vellos e novos. Con todo isto irá chegando o momento da cea, no que se degustarán produtos tradicionais como empanadas de millo, follados, filloas ... Mentres tanto, música e baile con grupos de música tradicional da zona na Foliada que se alongará até as 22h45, cando actúen de novo Ad Heyra Liti. Noite de concertos Alén deste especial serán, na Muiñada de Vimianzo poderemos gozar coa música de Caxade e Andrés Penabad, dous dos persoeiros máis influintes na música galega contemporánea. Colaboración dos veciños Como xa se ven facendo en celebracións como o Asalto ao Castelo, nesta II Muiñada a implicación dos veciños é peza fundamental. Por iso se fai un chamamento a todos os que queiran botar unha man coa cociña, xa que a comida será unha achega realizada pola propia veciñanza. Pódense facer empanadas, follados e filloas. Para colaborar hai que poñerse en contacto coa asociación a través do correo [email protected] ou ao facebook da A. C. Cherinkas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Cherinkas.

Comentarios