O Concello de Vimianzo contrata un arquitecto para resolver unha baixa
O goberno municipal formalizou un contrato de tres meses co arquitecto Daniel Beiras García-Sabell, doutor en arquitectura, coa especialidade de urbanismo, dada a súa experiencia e eficacia demostrada co seu traballo en diferentes concellos de Galicia; entre outros moitos os concellos de Malpica (PP) ou Dumbría (PSOE) contrataron os servizos do nomeado arquitecto en numerosas ocasións. O alcalde de Vimianzo non ve ningún problema en levar a cabo esta contratación “que só reporta beneficios para os veciños e veciñas de Vimianzo, que necesitan un profesional que resolva as licenzas, sexa do color político que sexa – di o alcalde – maiormente cando supón un aforro para Vimianzo, dado que a cifra que o concello deberá ingresarlle a Daniel Beiras polo seu traballo en tres meses é inferior ao soldo mensual do arquitecto municipal”.
Manuel Antelo sinala tamén a imposibilidade de poder contratar un arquitecto de Vimianzo, “xa que estes terían que informar dos proxectos feitos previamente por eles mesmos”. “ A oposición debe querer que non se saquen adiante as licenzas, porque non ten sentido ningún as críticas que se fan á unha contratación tan necesaria para os veciños e veciñas de Vimianzo. A oposición só intenta unha e outra vez poñer trabas ao goberno municipal que impidan levar adiante o traballo do concello”.