Martes. 07.05.2024
El tiempo

O Concello de Vimianzo propón obras para o POS e aproba axudas

O Concello de Vimianzo propón obras para o POS e aproba axudas

Dúas novas arredor do Concello de Vimianzo, que acaba de presentar unha proposta para o POS e que acaba de aprobar as axudas para este curso.

Plan de Obras e Servizos

O goberno municipal de Vimianzo presentou unha proposta para o Plan de Obras e Servizos da Deputación que dedica un 60% do presuposto á execución de obras, mentres que un 40% irá dedicado a gasto corrente, continuando coa liña que se vén levando a cabo neste concello nos últimos cinco anos. Trátase, polo tanto, dun investimento en obras de máis de 230.000,€ cos que se executarán tres proxectos principais.

O proxecto máis ambicioso é a mellora do vial de acceso ao lugar da Gándara, na parroquia de Vimianzo, vindo cumprir deste xeito cunha demanda veciñal de hai tempo, nunha vía moi transitada para os vehículos com variante dos vehículos que acceden a Vimianzo pola Ponterroda, ensanchando o vial, eliminando o cambio de rasante , dotándoo de beirarrúas, drenando os terreos e iluminando a zona. Trátase dunha primeira fase dunha actuación na que colaborará no futuro en consonancia co acordo unánime do pleno da corporación polo que se aprobou a subvención dun convenio coa Comunidade de Montes Veciñais da Gándara.

Outro dos proxectos que se contemplan é a realización de melloras na contorna do cemiterio veciñal de Carnés, ao que destina máis de 30.000,€. Trátase de pavimentar unha masa común parque non tiña uso para facilitar o aparcadoiro de vehículos e para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Carnés.

O terceiro proxecto, que suporá un investimento de máis de 50.000 €, é a realización de melloras na contorna do Lavadoiro da Torre, na vila de Vimianzo, unha zona que se atopa na contorna e área de influencia do Castelo, un espazo estratéxico entre o parque empresarial, o campo de fútbol, o ximnasio e o Castelo. Nesta zona do Lavadoiro da Torre celébrase o Asalto ao Castelo, a festa máis coñecida de Vimianzo que máis afluencia de xente acolle. É necesario mellorar o recinto onde se celebra esta festa para darlle máis aforo, aproveitar o terreo e evitar perigos innecesarios pola falta de acondicionamento do espazo. Trátase dunha actuación que entra dentro dunha serie de iniciativas para mellorar e completar a área de influencia do Castelo de Vimianzo e unir o monumento máis significativo de Vimianzo coa vila.

A proposta recolle un proxecto complementario que supón o acondicionamento da Escola Unitaria de Padreiro, na parroquia de Baíñas, como local de usos múltiples. Logo da reconstrución da escola feita grazas ao POS 2012 preténdese agora levar a cabo unha segunda fase para dotar de baños a escola, acondicionar o primeiro piso e dotar de electricidade o local, así como mellorar a contorna

Esta proposta debaterase o vindeiro xoves día 26 de decembro nun pleno extraordinario que se celebrará ás 20 horas. Manuel Antelo agarda que a oposición actúe de xeito responsable apoiando a aprobación destas iniciativas que responden ao cumprimento de demandas veciñais. “Non son obras que pide o Alcalde, son obras que piden os veciños, que lles dan servizo aos veciños e veciñas de Vimianzo” di o Alcalde“ por iso espero que faciliten sacar adiante este proxecto no pleno, en caso contrario suporía que o concello e, polo tanto, os veciños e veciñas de Vimianzo perdesen 384.000 € e unhas obras necesarias que a oposición se comprometeu en varias ocasións a apoiar”.

Axudas vimiancesas

A comisión de Benestar Social do Concello de Vimianzo ditaminou favorablemante a concesión das axudas por nacemento de fillo ou filla, adopción ou acollemento durante o ano 2013 e as axudas para inicio de curso escolar para alumnos e alumnas que cursen estudos no ensino obrigatorio.
No caso das axudas por nacemento, acollida ou adopción, un total de 12 familias solicitantes que cumprían os requisitos esixidos recibirá unha axuda de 100,€.

En cando ás axudas para o inicio de curso escolar as solicitudes superaron amplamente a partida orzamentaria destinada a esta concesión, 12.000€, o que supón que haxa que facer unha modificación de crédito para dar cabida a todas as solicitudes. En total presentáronse 149 solicitudes das cales 47 quedarían excluídas por falta de crédito.

Sendo posible modificar a partida orzamentaria, é obrigado abrir unha nova convocatoria, na que se teñen por presentadas xa as 47 solicitudes que resultaron excluídas por falta de crédito, sen que teñan que volver presentarse. O prazo abrirase unha vez que saia publicado no DOG e haberá tres días para que poidan presentar novas solicitudes aquelas familias que non as presentaran anteriormente.

Fonte

Comentarios