O persoal de Gadis concéntrase en Vimianzo contra os abusos laborais da súa encargada
Este mediodía de venres, ducias de traballadoras de Gadis concentrábanse ás portas do supermercado de Vimianzo para criticar os abusos laborais que sofren diariamente. Con arengas como “Se queres enfermar, a Gadis vén currar” ou “Para mandar, hai que respectar”, demostraban a indignación constante que levan sufrindo durante anos, reclamando un entorno laboral saudábel e que se respecten os seus dereitos.
A decisión de convocar esta mobilización chega tras a falta de solucións por parte da empresa para atallar o acoso, os incumprimentos de dereitos, as vexacións e o maltrato psicolóxico que exerce a encargada desta tenda contra o persoal.
Esta situación, explican dende a sección sindical da CIG, vense arrastrando dende hai tempo e afecta directamente á saúde das traballadoras e traballadores, a tal grao que neste momento de 26 persoas que integran o cadro de persoal, 10 atópanse de baixa médica.
Entre outras cuestións, as traballadoras denuncian cambios de quenda dun día para outro sen o preaviso mínimo que marca o convenio, imposición da vacacións ao arbitrio da encargada, dificultades no uso das licenzas, un trato indigno baseado en berros, insultos, intimidacións e todo tipo de atropelos aos dereitos laborais impropios nunha empresa que se promociona como exemplo de galeguidade e saber facer.
A representación da CIG dirixiuse hai uns meses ao xefe de zona de Gadis para reclamarlle unha actuación contundente para frear estes abusos e promover un clima laboral respectuoso, pero malia a visita que realizou ao centro de traballo de Vimianzo, as malas prácticas da encargada persisten.
Ante a falta de solucións por parte da empresa, as traballadoras e traballadores acordaron dar un paso adiante e denunciar publicamente unha situación “que non pode continuar por máis tempo”.