Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Un sábado con sabor a tradición en Vimianzo

Un sábado con sabor a tradición en Vimianzo

Gozou Vimianzo dun sábado co sabor da tradición, recuperando unha arte tan nosa como é a elaboración de cestos. Os participantes nos obradoiros de cestería que se veñen realizando desde o mes de abril nas parroquias de Berdoias, Carnés, Salto e Vimianzo, reuníronse na Casa da Cultura para compartir experiencias, aprendizaxes e poder ver o traballo realizado polos compañeiros e compañeiras.

Tamén aproveitaron para rematar algún traballo que tiñan empezado ou para aprender máis cousas sobre os segredos da cestería aproveitando que tiñan o profesor un día máis con eles. Unha hora antes de que chegasen á Casa da Cultura os cesteiros e cesteiras máis expertos os máis pequenos participaron nun obradoiro de cestería e, en hora e media, aprenderon o máis básico da elaboración dos cestos e levaron un pequeno cestiño feito por eles para as súas casas. Varias xeracións de cesteiros compartían saber na Casa da Cultura.

Pecha o ciclo de teatro

O domingo pechábase o ciclo de teatro no auditorio da Casa da Cultura, rematando a programación do mes do noso. Logo dun mes de actuacións das escolas municipais, a Escola de Teatro de Berdoias poñía o punto e á parte, para deixar paso ao verán. Manuel Mouzo, Fina Campos, Aurora Trillo, Paquita Antelo, Eliseo Tajes, isabel Sendón, Juan Pereira e José Blanco, dirixidos por Toño Casais de Talía Teatro, poñían en escena A verdade por diante, unha peza cómica, breve, de apenas 25 minutos, que deixou con ganas de máis ao público do auditorio, un patio de butacas repleto de veciños e veciñas que non se cansaba de aplaudir aos actores e actrices.

Un exitoso peche da programación continuada do auditorio da Casa da Cultura, que dará paso ás actividades do verán, nas que poderán seguir gozando da cultura e do deporte no concello.

Festa de clausura

O alcalde de Vimianzo pechaba os actos desta fin de semana o domingo, na Casa da Cultura, anunciando unha festa de clausura de todas as actividades culturais e deportivas para o vindeiro sábado 30 de xuño na praza do concello, unha noite para compartir amizade, risas, baile e boa compaña, antes de adentrarnos de cheo nas celebracións do verán. O mesmo sábado 30 comezará tamén a programación do concello para a semana do Asalto, con diferentes actividades para maiores e pequenos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios