Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Vicente Rivas: “Á xente non se lle engana. Xa non hai carretaxe. A xente vota o que lle peta”

Vicente Rivas é unha cara nova en primeira liña, pero leva máis de 30 anos vinculado na política, no BNG. Foi de feito, candidato e concelleiro en Cee hai 24 anos. Agora volve para “liderar” (non lle gustan nada esas palabras de mando unipersonal) este novo BNG vimiancés, despois desta últim a convulsa lexislatura.

Vicente Rivas BNG Vimianzo 2019
Vicente Rivas é o candidato do BNG á alcaldía de Vimianzo nas eleccións municipais de 2019
Vicente Rivas: “Á xente non se lle engana. Xa non hai carretaxe. A xente vota o que lle peta”

Para todos eses veciños e veciñas que non o tiveran escoitado, seguro que ficaron sorprendidos pola súa dialéctica durante as visitas que leva facendo esta semana, no marco desta campaña para unhas eleccións do máis impredecibles na capital de Soneira:

  • QPC: Como afronta estas eleccións o novo BNG de Vimianzo despois de tantas cousas que pasaron nesta lexislatura?

Afrontámolas con ilusión, porque a maioría da lista somos xente que comeza de novo (non é o meu caso), e son como rapaces con zapatos novos. Por outra parte, foi unha tristura, unha “traición”, ou como mínimo unha deslealdade, o comportamento do anterior alcalde. Ademais das relacións políticas había unhas relacións de amizade que non se poden esquecer. Eu levo 25-30 anos sendo o seu amigo, e iso non se pode esquecer dun día para outro.

Os que temos experiencia, levamos unha decepción polo que pasou, pero é un exemplo dunha epidemia que aconteceu en todo o país, non só en Galicia, cando fai 4 anos houbo un espellismo que se chamou Podemos, que se chamou Pablo Iglesias, que como flautista de Hammelin foi convencendo a xente e que sentou como unha verdadeira plaga para o BNG, provocando deslealades e erros. Pouco a pouco a xente vaise dando conta dese erro e vai volvendo.

Nese entido, o propio Antelo está recoñecendo nos últimos días, que foi un erro inmenso, porque da man do BNG conseguiu o mellor resultado histórico en Vimianzo, non só do nacionalismo, se non que nunca conseguira un partido unha maioría así en Vimianzo. Todo coa imaxe do BNG. Cando foi imputado o BNG viu que era unha imputación inxusta, unha manobra da oposición, e o BNG volcouse no seu apoio. Que despois o deixara nun momento dado foi un erro, porque se desprendeu dunha cobertura política, que ademais despois provocou un erro político tremendo pola súa parte, porque pola súa denuncia perdemos a presencia dun deputado provincial no parlamento.

Primeiro apareceu ca elite das Mareas, proclamando que forma parte da creación do partido instrumental. Pero despois de todos os cristos que tiveron… de repente, da nada, crea o seu partido en febreiro. E agora asegura na prensa que segue a ser o mesmo BNG de sempre. Está moi perdido, non se entende cos seus movementos.

En definitiva, véxoo con tristeza porque podería terse confirmado unha maioría afianzada do nacionalismo en Vimianzo, pero por desgraza coa maioría absoluta se endiosou, sufriu enaxenación de poder, e foi eliminando aos que non lle dicían “si buena”. Agora Antelo é o Rei Sol, non deixa de ser unha figuar estelar, cunha constelación ao seu arredor, que non miran máis á súa alcaldía. Un día subiuse ao Castelo e proclamouse noble feudal… Agora é Manolo Antelo e a súa circunstancia”.

  • QPC: Vicente Rivas é xa un veteranos de guerra en política municipal. Cóntanos que viñas facendo estes últimos anos e como te decides a dar o paso á primeira liña?

Son un afeccionado de toda a vida. Onde vexo unha causa perdida, alí me apunto. A min me gusta xogar ao póker e perder. Eu sempre militei no BNG, fun candidato en Cee fai 24 anos, fun concelleiro, cun resultado discreto. Volvín recuncar e me considerei censurado porque confiaron no BNG para Europa e non confiaron en min para o Concello. E eu que son de quererme pouco a min mesmo (son Marxista no sentido de Groucho Marx, no sentido de que “nunca formaría parte dun club que me aceptase como socio), din un paso atrás.

Agora levo moitos anos entre Vimianzo e Camariñas, pois vivo na parroquia de Carnés, e teño o meu estudio de arquitectura na Ponte do Porto, onde me dedico a facer obras a particulares. Antes de 2007 íame moi ben, e despois vaime menos ben pero imos tirando.

A nivel político, son unha voz super recoñecida no seo do BNG nacional como verso libre, pero democrática. Sempre estou poñendo enmendas pero aceptando os resultados. De feito, eu considéronme de centro, como un pequeno burgués orgulloso de selo, pero cando falo con alguén de centro, parezo de extrema esquerda. Porque en España, hai un desprazamento político cara a dereita, porque para min, o PSOE non é esquerda, dende logo, é centro. Por exemplo considero que os saltos de Ferroatlántica deberían ser xestionados polo goberno, pero parece que son stalinista que quere expropiar a Villar Mir…

Non o sei, a verdade. Eu falo coa xente e a xente di moitas cousas, e todos din que “o pensará”. Estou intentando chegar a todas as casas, especialmente no rural que o papei enteiro. E intento falar coa xente, contar o noso, pero tamén escoito. E a xente sabe moito, de cando eu era neno a agora, mellorou en todo. Culturalmente, en información… á xente non se lle engana. Xa non hai carretaxe. A xente vota o que lle peta.

  • QPC: E que che pareceu a oposición ofrecida por PP e PSOE?

Pareceume mal. Todo o mundo xogou moi mal. Eu parto de que o contrario sempre ten parte da razón. Cando son temas discutidos e discutibles, todos temos partes de razón. Iso xa che obriga a ser autocrítico contigo mesmo e tamén a escoitar mellor ao resto. Por iso, eu considero que os plenos na política local deberían ser máis como unha reunión de amigos que como unha pelexa de bar. E aquí é o peor.

Cando fun concelleiro en Cee, a pesar do meu nulo éxito, ao remate íamos a tomar a cervexa xuntos, e non había problema. Mesmo comíamos algunha vez xuntos, dende posicións ideolóxicas moi distintas, pero dende o respecto e intentando traballar polo ben do pobo. Se entramos podemos dicir moitas barbaridades pero ningunha será para non poder ir tomar unha cervexa ao remate.

Pero o caso de Vimianzo é a ostia, é que as outras listas non se sabe de onde saen. Por un lado “Manuel Antelo Sociedad Anómima” Por outro, a candidatura de Mónica Rodríguez, que non me atrevo a chamar PSOE polo seu pasado tránsfuga, co seu “pequeno” amigo do sur, que puxo os seus acólitos para conseguir acceder á presidencia da Deputación. Unha candidatura que foi antes herdeira dun tío alcalde que vía o concello como unha área de negocio, que despois foi independiente, e de que despois volve da man do seu “pequeno gran home”.

Por outra parte, a candidata do PP, que é veciña miña e é unha boa rapaza, mesmo colaboramos algunha vez no eido laboral. Pero leva de 3º a un que foi cabeza de Terra Galega, que foi do PSOE e mesmo se achegou ao BNG…

  • QPC: Cres que as eleccións xerais do 26 de abril, nas que o BNG recuperou a liña ascendente tras moitos anos de retroceso, influirán nas do 28 de maio, ou cres que Xerais e Municipais non se poden relacionar porque son de naturezas diferentes?

Un pouco si, pero moi limitadamente. Inflúen máis os detalles locais. Que subise Pedro Sánchez pode axudar ás candidaturas que van ca marca PSOE… pero é que o caso de Vimianzo é singular.

  • QPC: Nunha frase: Que necesita Vimianzo?

O noso programa vai de ideas, non de como gastar os cartos. “O noso programa é o proceso, non o resultado”.

 

  • QPC: Cal é o proxecto estrella do voso programa?

Temos Catro puntos fundamentais:

Coidar a xente: é dicir que concello e xente nos coidemos mutuamente, facendo noso “o dereito á busca da felicidade”, como nos EEUU, que se traduce no que a xente necesite segundo o momento. Hai unha poboación envellecida nas aldeas, e si que hai unhas necesidades sociais que que deberían ser prioritarias, pero iso deben decidilo os propios veciños.
Por exemplo, temos no programa por exemplo a creación duns Centros de convivencia, que se derivarán como queiran os veciños.

Outro punto trata de solventar unha das máis importantes carencias do Concello: que non temos Plan Xeral de Ordenación Municipal. E polas nosas profesións, os meus compañeiros Roberto Roget ou Manolo Soto, temos grandes ideas medioambientais para desenvolvelo, pero sempre dende a participación e o consenso.
Unha cousa que sempre se nos esquece é que Vimianzo ten costa, e como digo eu, temos 3 costas, e temos que desenvolver actividades para elas. Temos os 100 metros de Sabadelle, no centro do litoral da Costa da Morte. Temos un portiño, cunha carpintería, onde vive e atraca o único mariñeiro con barco en Vimianzo, como é Cereixo, unha potencia histórica. E temos unha terceira costa, que é a parroquia de Bañiñas, que ten un treito de costa do encoro da Fervenza, que hai que potenciar a creación de usos máis alá de almacenar enerxía para o señor Villar Mir.

Temos que traballar para o agro, o sector primario hai que desenvolvelo. Ademais, hai outro sector, no que estou metido, un gran sector forestal. Algúns ben xestionados, pero outros totalmente deordenados. Fai falta unha ordenación. A xente nova non sabe nin onde están as súas fincas. E o catastro a nivel forestal é un desastre e non se corresponde.
A partir do PXOM temos que reactivar todas estas actuacións, e tamén o desenvolvemento de infraestruturas, como é a vía de A Piroga ata Regoelle, Dumbría, que non debe ser municipal polo seu tráfico, debería ser Provincial ou Autonómica, e temos que pelexar por transferila, como a que vai dende Cereixo cara Leis, cara Muxía.

Hai tamén outras dúas ideas básicas: desenvolver a economía a nivel local. É triste que a meirande exemplo de desenvolvemento industrial sexa a creación dun almacén de cervexa no polígono… paréceme unha pobre ambición. Cando outras empresas se marcharon do concello, como Induplan: cando tivo Gerca para instalarse nun polígono que está como está a medio gas… é que algo se fixo mal. Ou que pechara unha fábrica textil en Treos non é para estar orgullosos.
Dende o Concello hai que promover o xurdimento e dar facilidades á creación de iniciativas empresariais en temas de tecnoloxía para que a mocidade formada non teña que marchar. Por exemplo, intentar crear no polígono, unha incubadora de iniciativas empresariais, dando facilidades para que nazan. Sería unha alegría que o Xindows do futuro fose creada nun pequeno lugar da comarca de Soneira.
Ademais, urxe axilizar a administración. Eliminar leis, que a burocracia é demasiado pesada para todo. Que pasa no Concello que cambiou 5 veces o técnico; e que estivo moito tempo sen secretaria municipal? A lei di que a licenza de obras se tiña que dar en 3 meses e en Vimianzo se a conseguías nun ano era un éxito.
Falta operatividade, e creo que o alcalde, no seu afán de Rei Sol, nunca quixo deixar cousas sen que estivesen ao seu control, e iso o que provoca é un tapón, un embudo.

  • QPC: A túa lista está formada por Lorena Suárez, Saleta Ameixeras, Óscar Soto, Roberto Roget, Manuel Soto, Martín Peña, Clementina Martínez, Elena Campos, Manuel Martínez, Irene Suárez, Mercedes Pérez Queiro e Martín Caamaño.:
    Cales son os puntos fortes do teu equipo?

Temos un exceso de autocrítica, un exceso de ilusión. É certo que nos custou moito completala, porque moita xente recibiu presións bestiais. Pero conseguimos unha lista tremendamente formada. Eu son arquitecto; a nº2 é profesora e enfermeira; a nº3 é enxeñeira forestal; o nº4 é gandeiro, e coñece o sector agrícola de sobra; o nº5, que non é militante, foi un descubrimento para nós, que se incorporou precisamente polas presións, e é un dos almas máters da Via Mariana, e un activo vivo de Baíñas; o nº6 catedrático da universidade especialista en medio ambiente… E moita xente nova que se foron unindo ante estas presións.

En todo caso, eu vou de primeiro por ir, porque ten que ir un, pero a min non me gusta a palabra alcalde, eu o relaciono a unha política caciquil. Eles todos fixeron o programa. Se chgeamos ao goberno imos ser un auténtico goberno global.

 

Novas relacionadas

Comentarios