Vimianzo abre o prazo de inscrición das escolas culturais e deportivas

O Concello de Vimianzo pon en marcha programación para o curso 2025-2026 do programa ‘Actívate’, no que se enmarcan as actividades das escolas culturais e deportivas.
Nelas hai opción para todos os gustos e idades: dende deporte — con actividades como fútbol sala, patinaxe artística, tenis de mesa, pequemotricidade, aerobic ou ximnasia para maiores —, música (con grupos de gaita, canto, batería, baile ou pandeireta entre outros moitos), arte ou competencias dixitais. En total, hai 34 opcións diferentes abertas á veciñanza de todas as idades.
As preinscricións poderán realizarse dende este venres 12 de setembro, ata o luns 22 ás 14:00 horas. Poderán formalizarse na Casa da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00, ou ben de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello.
Haberá límite de prazas en todas as actividades e cada persoa poderá inscribirse nun máximo de 5. Terán preferencia as persoas empadroadas e, en caso de que se superen as prazas máximas ofertadas, farase un sorteo público entre as preinscricións o martes 23 de setembro ás 13:00 horas na Casa da Cultura.
Unha vez pechado este prazo, a matrícula poderá formalizarse dende o día 24 de setembro ata o 1 de outubro na Casa da Cultura.
Para as persoas que o fagan, as clases comezarán o 6 de outubro, mentres que as persoas que non cumpran ese prazo, non poderán participar ata o día 13.
Os prezos son de 5 euros ao mes nunha actividade de 1 hora semanal e de 10 euros se é de dúas horas. Ademais, contémplanse descontos do 25% para persoas maiores de 65 anos, familias que estean anotadas en máis de 2 actividades, persoas que participen en máis de 2 actividades ou para familias numerosas. A formalización do pago farase antes do inicio da actividade se se fai nun único abono, mentres que se é domiciliado, pagarase a actividade mensualmente.
Para formar grupo deberá haber un mínimo de 12 persoas inscritas empadroadas, agás aquelas actividades nas que se especifique o contrario. Se a asistencia ás actividades é inferior a 8 persoas de xeito reiterado, estas serán canceladas. Ademais, todas as persoas que teñan máis de 4 faltas de asistencia serán dadas de baixa automaticamente.
Os horarios programados para as actividades poden sufrir modificacións.