Vimianzo afronta cunha charla a problemática da violencia nos campos de fútbol

O Concello de Vimianzo, en colaboración cos clubs de fútbol Soneira e Baíñas, organiza unha xornada sobre a violencia no deporte. Terá lugar o venres 25 de abril, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura.
Trátase dun acto aberto ao público no que se abordará esta problemática, tanto a nivel xeral como no ámbito do fútbol en particular, co obxectivo de concienciar aos distintos axentes que conforman o tecido deportivo.
A temática será tratada desde distintas perspectivas grazas á participación de recoñecidos profesionais do mundo do deporte:
- Manuel Pablo, ex - xogador profesional e actual adestrador do Fabril, ofrecerá a súa visión sobre a violencia desde a perspectiva da alta competición.
- Miguel Figueira, adestrador do equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, falará sobre o impacto da violencia no deporte base, centrándose na cativada.
- Christian Sendón, en representación do colectivo arbitral, achegará a súa experiencia directa como parte esencial dos encontros deportivos.
- Antonio Rial, psicólogo da facultade de Psicoloxía da USC, dará unha visión profesional sobre este problema.
- Uxío da Pena, avogado especializado en dereito deportivo, ofrecerá unha análise legal sobre os conflitos e condutas violentas neste ámbito.
A mesa estará moderada polo xornalista deportivo Terio Carrera, quen conducirá a charla a través de preguntas e reflexións dirixidas aos participantes.