Vimianzo afiánzase no turismo cultural
08:12 03/08/18
Máis de 5.200 persoas visitaron o Castelo de Vimianzo durante o pasado mes de xullo
O programa “Vimianzo Historia Viva” - impulsado polo concello - continúa esta fin de semana con dúas actividades destacadas; o concerto do coro de Saint Luc de Banabakintú de Costa de Marfil (hoxe ás 19:30 horas) e unha ruta para descubrir o "Megalitismo somerxido" que agocha a ribeira do Encoro da Fervenza sen perder de vista o dolmen de Pedra da Arca e as descoñecidas mámoas da necrópole megalítica da Fervenza. Para a ruta, que comeza ás 11:30 horas ainda quedan prazas dispoñibles e para participar é necesario inscribirse no correo electrónico [email protected].
Esta primeira fin de semana de agosto, a oferta completarase coas visitas guiadas ao castelo de Vimianzo (12:00 e 19:00 horas) e aos batáns do Mosquetín (11:00 e 18:00 horas) e o domingo coa visita teatralizada dos Quinquilláns (13:00 e 17:00 horas).
Durante o resto do mes sucederanse actividades como a ruta guiada pola vila de Vimianzo o sábado das festas do Verán, a noite co espírito de Evaristo Martelo, o concerto de Xoán Curiel no castelo, ou as actividades de arqueoloxía experimental “As Cores dos dolmens” en Pedra Cuberta e o obradoiro de cerámica galaica no castro das Barreiras, ambos de titularidade municipal.
Tamén estes meses (agosto e setembro) os diferentes obradoiros de artesanía da Mostra ao Vivo do castelo saen ao patio de armas para que os visitantes poidan coñecer máis de perto o labor, proceso e mesmo practicar tamén e ser artesáns por un día. Todas as actividades poden consultarse nas redes sociais de Turismo de Vimianzo e na web municipal.
1º balance
E xa entrados no ecuador do programa, o concello de Vimianzo fai un primeiro balance do que vai edición. A primeira impresión é dun balance moi positivo tanto pola variedade de propostas, cantidade e calidade das opcións, como pola súa boa acollida entre o público. Desde que comezou o programa 830 persoas puideron gozar das visitas guiadas, concertos, actividades infantís e rutas nocturnas (que foros as máis exitosas). No reconto total habería que incluír moitas máis persoas, xa que non se conta neste balance o número de asistentes ás visitas teatralizadas, polo que esta cifra superaría con creces o milleiro de persoas.
Outra das novidades deste ano que tivo moi boa acollida é a da visita guiada diaria ao castelo de Vimianzo, algo que o monumento requiría e que está a servir para que o visitante non visite o castelo só de paso, senón que se atreva a descubrir a vila ou outros recursos do propio concello. "Con estas actividades estase a contribuír a un dos obxectivos cos que naceu este programa, alén da difusión e posta en valor do patrimonio, o desenvolvemento local e o aumento de persoas que escollen Vimianzo para comer ou comprar", sinalan dende o goberno municipal. O castelo de Vimianzo é o centro de acollida de visitantes deste turismo cultural e por el pasaron 5.222 persoas en xullo, un incremento dun 5 por cento aproximado respecto ao ano pasado.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/patrimonio-e-turismo-na-costa-da-morte/
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo