Vimianzo afronta unha importante obra para o tratamento de auga

Mentres o Concello de Vimianzo volve este luns á actividade administrativa presencial (con todas as medidas de seguridade e sen necesidade de concertar cita previa) as obras non paran. Así, o Concello executará en breve dúas obras de tratamento de auga e seguridade viaria, financiadas polo Plan Único da Deputación por uns 157.000€.
O primeiro proxecto corresponde á instalación dunha caseta e dun decantador para poder trasladar as actuais instalacións de tratamento de auga para o abastecemento de auga potable á poboación. Con esta instalación non será necesaria as dúas bombas que a día de hoxe fan falta para levar a auga ao depósito.
Por outro lado, tamén se levará a cabo a mellora de dous camiños no rural, o de Tufións, na parroquia de Cereixo, e o de Santa Comba de Baíñas, na parroquia de Baíñas. Ambas vías atópanse actualmente en mal estado polo continuo paso dos vehículos agrícolas e polo efecto das inclemencias meteorolóxicas polo que se plantexa a reparación do firme así como a limpeza das cunetas e a instalación de canalizacións soterradas para mellorar as condicións de drenaxe da auga.
Axudas por nacemento
O Concello de Vimianzo convoca unha liña de axudas por nacemento, adopción e acollida para as familias. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vimianzo, establecéndose un prazo exepcional para os nenos e nenas nados entre o 1 de outubro de 2019 e o 31 de maio de 2020, ambos inclusive, contando cun total de 9.000 euros para toda a convocatoria.