Vimianzo aproveita o eclipse lunar para descubrir os segredos do Castelo
08:12 27/07/18
Ese turismo de experiencias do que tanto se fala nos últimos tempos, poderá vivirse esta noite esta noite aquí, na Costa da Morte. Concretamente no Castelo de Vimianzo. A luz vermella que transmitirá esta noite a lúa grazas ao eclipse da lúa máis longo do século, será a encargada cargar de maxia este momento especial. Coa compaña dos seres que habitan o castelo de noite, poderán verse dun xeito diferente os gravados dos canteiros, escudos e outras curiosidades que non se ven á luz do día e descoñecidas para o gran público. Será ás 22:30 horas e recoméndase reservar a través do teléfono 981 716 001 (ext 1235) ou no correo electrónico [email protected].
Para o sábado está programada unha nova unha visita ás Barreiras, a gran fortificación da Idade do Ferro do Val de Vimianzo. Comeza ás 13:00 horas, o punto de encontro é a entrada do castro desde onde se visitará o seu foso, muralla e os restos achados na primeira fase da escavación arqueolóxica.
Alén diso, continúan as visitas guiadas pola historia do castelo de Vimianzo (ás 12:00 e ás 19:00 horas) e ao conxunto etnográfico dos Batáns e Muíños do Mosquetín (ás 13:00 e ás 18:00 horas), coa posibilidade de ver un dos vellos muíños en funcionamento. Tamén destacan as visitas teatralizadas, coa peza teatral “A traizón” dos Quinquilláns, que se está a desenvolver todos os domingos con gran éxito de público (ás 13:00 e ás 17:00 horas).
Todas elas forman parte do programa “Vimianzo Historia Viva”, enmarcado no Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
Ponteceso
Coincidindo co arranque da III feira Mariñeira Artesá de Corme, o concello de Ponteceso apagará o alumeado público da vila (ata as 02:00 horas do sábado) co fin de poder observr nas mellores condicións de escuridade posible o fenómeno coñecido popularmente como "lúa de sangue".
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo
- Concello de Ponteceso