Vimianzo celebrou a chegada do verán en familia


Vimianzo celebrou a chegada do verán e o remate do curso escolar cun amplo abano de actividades para todos os públicos. A tarde de actividades do venres 21 de xuño comezaba na Biblioteca municipal da Casa da Cultura ás 18 horas cunha ampla participación no contacontos de Raquel Queizás, que conseguiu manter a atención dos pequenos con diferentes historias de Soñadora de árbores. Raquel Queizás remataba o espectáculo ás 19 horas e os presentes uníanse a outros moitos máis nenos que agardaban na Praza do Concello para gozar dos inchables, dos xogos populares e ata de batallas con globos de auga e festa da escuma.
Cada vez ían chegando máis nenos á praza ao tempo que o Auditorio da Casa da Cultura comezaba a encherse de público desexoso de ver a estrea da Escola Teté teatro de Salto que poría en escena O cadáver do señor García. Unha comedia que fixo gozar aos presetnes coa actuación dun elenco actoral composto por 16 actores e actrices.
Rematada a función a festa continuaba na Praza do concello, onde as grellas xa tiñan a punto as brasas para comezar a degustar o churrasco. A música do Dúo De Festa acompañaba a cea que durante un pequeno descanso deixaron paso a un concurso de cantantes moi aclamado polo público, que rematou cos entrega de diplomas aos 3 mellores cantantes que poderemos escoitar novamente nas festas de agosto.




Novas relacionadas
- Graduación Vimianziña.
- Unha nova Andaina para descubrir os Penedos de Traba e Pasarela e homenaxear a Roberto Mouzo.
- Unha fin de semana de arte, palillo, gastronomía e festa en Vimianzo.