Vimianzo estrea un servizo de atención psicolóxica e acompañamento para as persoas maiores en situación de soidade non desexada
O Concello de Vimianzo contará cun servizo de apoio psicolóxico a domicilio dirixido a todas aquelas persoas de máis idade que, por diversas circunstancias, precisen este tipo de atención e acompañamento ao atoparse nunha situación de soidade non desexada.
Dase no marco do ‘Plan local de loita contra a soidade’, sendo Vimianzo un dos tres concellos da provincia escollidos.
A iniciativa, que parte do Concello grazas ao apoio da Deputación da Coruña, poñerase en marcha nas vindeiras semanas. Os servizos sociais municipais serán
os coordinadores deste proxecto que será posto en marcha por PsicoNova, unha plataforma especializada no desenvolvemento de proxectos sociais nas áreas de envellecemento, igualdade, saúde e educación.
Entre as accións que se contemplan en dito servizo atópase a avaliación dos estados de ánimo e cognitivo, o adestramento das funcións cognitivas básicas (memoria, atención, orientación ou funcións executivas), o acompañamento, a promoción da participación en actividades sociais e colectivas ou a intervención sobre a autoestima.