venres. 15.08.2025
El tiempo

‘Vimianzo M.O.L.A: Un castelo de lenda’, un proxecto que encherá a vila de arte, literatura e teatro

VIMIANZO MOLA 2
‘Vimianzo M.O.L.A: Un castelo de lenda’, un proxecto que encherá a vila de arte, literatura e teatro

O Castelo de Vimianzo acolleu esta tarde a presentación do programa ‘Vimianzo M.O.L.A’, un proxecto cultural innovador que, baixo o lema ‘Un castelo de lenda’, converterá a vila no epicentro cultural da Costa da Morte do 27 de agosto ao 11 de setembro desenvolto polo Concello de Vimianzo e que conta co apoio da Deputación. 

vimianzo mola 1
No acto participaron o delegado do goberno, Pedro Blanco, a alcaldesa Mónica Martínez e o deputado Xosé Penas

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dun proxecto “do que podemos estar profundamente orgullosos, xa que une distintas disciplinas artísticas cun obxectivo claro: chegar a todas as persoas, sen importar a súa idade, e facer da cultura un nexo de unión”. A rexedora subliñou o papel fundamental das administracións colaboradoras: “este proxecto non sería posible sen o apoio da Deputación da Coruña, que permite que o Castelo sexa sede desta iniciativa e que fai unha achega importante, e o Ministerio de Cultura, sen a súa axuda para a Promoción da lectura e as letras isto non sería posible”. Rodríguez asegurou tamén que “a cultura ensínanos a mirar o mundo doutro xeito, a escoitar, comprender, soñar... é o mellor investimento que unha sociedade pode facer” e convidou “a todos e todas a vivir estas xornadas, a participar, a deixarvos sorprender e a apostar pola cultura como a mellor maneira de entender a vida”.

“Sempre é un pracer poder inaugar festivais que falan de cultura e patirmonio pensando no retorno para a poboación residente” sinalou Penas. “Serán duas semanas de intensa actividade cultural, onde ides falar de murais, oralidade, literatura e artes en xeral, sempre dende o punto de vista da promoción do noso, do patrimonio que temos a obriga como administración de preservar e promocionar, somo sempre se fixo en estreita colaboración concello e Deputación deste castelo”.

De "Faro Cultural da Costa da Morte" calificou Blanco a Vimianzo.

A programación ao completo

As actividades desenvolveranse entre o 27 de agosto e o 11 de setembro, con propostas para todos os públicos e unha combinación de creación artística, música, literatura e teatro. O arranque será o mércores 27 de agosto cun gran mural XXL sobre Manuel Rivas a cargo de Primo Rodríguez, acompañado dun mural colaborativo antipolución inspirado en Castelao, dirixido por Rakele Cavallo, que incluirá talleres e sesións de retoque ao longo do día.

O xoves, día 28, celebrarase o Mural Fest, con outra obra colaborativa sobre Evaristo Martelo, realizada por Doc Toy, con participación cidadá en talleres e retoques. O venres, día 29, a música tomará o protagonismo co concerto de Tiam Gz.+Turntablism ás 21:00 horas. O sábado, día 30, chegará o ‘Urban Fest’, unha xornada urbana de 12:00 a 20:00 horas con talleres de tatuaxe, skate, rap, breakdance, pintura e parkour.

Xa en setembro, o mércores día 3, Doc Toy realizará un novo mural XXL no Campo da Feira da Piroga, en Bamiro. O día 4, ás 20:00 horas, será a actuación de Paco Nogueiras na praza do Concello. O venres 5 de setembro continuará a programación coa primeira Feira do Libro da comarca, que contará con múltiples actividades literarias: talleres para público infantil, encontros e presentacións con autores como Manuel Rial, Manuel Gago, Patricia Blanco, Vero Rilo, o colectivo Vella Escola, Alberto Mancebo e Avelino González.

O sábado 6 continuará a feira de librarías cunha intensa programación literaria con Diego Garrote, Fran Zabaleta, Eduard Rolland, MagoTeto, Ledicia Costas, Pedro Feijoo e Pablo Rivero, ademais dun club de lectura.

O domingo 7 incluirá teatro histórico no castelo, máis actividades literarias, presentacións de libros e encontros con autores como Rebeca Stone, María Canosa, Amets Arzalluz, Guadalupe Vázquez Formoso e Manuel Rivas, quen participará tamén no club de lectura adulto que pechará a programación. A xornada rematará coa finalización do mural XXL e a colocación dunha placa conmemorativa. Finalmente, o xoves 11 de setembro, ás 11:00 horas, representarase a obra ‘Castelao’, de Culturactiva Producións, pechando así dúas semanas de intensa actividade cultural.

Inscricións

As persoas que desexen participar nos murais colaborativos e nas actividades de cultura urbana deberán inscribirse de maneira previa a través da ligazón habilitada (https://docs.google.com/forms/d/1spPXrVnodN3On9eOKI8oElRzqqoiXCq6bJ1dES52DRs/viewform?edit_requested=true).

Do mesmo xeito, as persoas que queiran participar nos diferentes clubes de lectura que se van facer, tanto infantís como para público adulto, teranse que inscribir de maneira previa: https://docs.google.com/forms/d/1-LCFuAbzTBO8pisJUpOI6agGA3tSkrNk803NbElOe80/viewform?edit_requested=true

Gabinete de Prensa

Comentarios