venres. 23.05.2025
El tiempo

Vimianzo reabre ao tráfico as rúas Castelao e Vázquez Mouzo tras completar, antes de tempo, a primeira fase das obras de humanización

VIMIANZO - OBRAS RÚAS CASTELAO E VÁZQUEZ MOUZO 1
Vimianzo reabre ao tráfico as rúas Castelao e Vázquez Mouzo tras completar, antes de tempo, a primeira fase das obras de humanización

O Concello de Vimianzo abre ao tráfico a rúa Castelao e Vázquez Mouzo tras concluír a primeira fase das obras de humanización e mellora urbana destas vías. Trátase dunha actuación estratéxica que trata de configurar un centro urbano máis accesible e ensado para as persoas, favorecendo a mobilidade peonil e mellorando a convivencia co tráfico rodado.

Os traballos, que foron rematados antes do tempo previsto de execución, consistiron na repavimentación integral desta área, coa que se conseguiu unificar visual e funcionalmente o espazo mediante unha plataforma única. O novo pavimento de formigón para a circulación de vehículos compleméntase cun eixo central de adoquín que separa o carril da zona peonil, revestida con lousa de granito na rúa Castelao e con baldosa de acabado na rúa Vázquez Mouzo. Do mesmo xeito, o estacionamento na rúa Vázquez Mouzo estableceuse en adoquín.

Máis alá das melloras visibles, a actuación incluíu tamén traballos fundamentais baixo terra, como a instalación de pluviais, construíndose a rede de evacuación dos mesmos a ambos lados da vía e conectando os embornais con rexiña de protección e tubaxe para empalmar coa rede de evacuación localizados na rígola. Isto supuxo a separación das augas pluviais das fecais, que ata o momento transcorrían pola mesma liña. Ademais, renovouse a rede de saneamento, mantendo o seu trazado actual, debido ao deterioro que presentaba a infraestrutura existente ata o momento.

Por último, adaptáronse todas as arquetas e bocas dos outros servizos á rasante da vía, incorporouse vexetación e creáronse pequenas zonas verdes. Nas próximas semanas irase colocando o novo mobiliario urbano, composto de bancos e papeleiras.

VIMIANZO - OBRAS RÚAS CASTELAO E VÁZQUEZ MOUZO 3

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou a relevancia desta obra, á que cualificou como “unha das intervencións máis importantes dos últimos anos para o noso municipio” e mostrouse “agradecida pola paciencia dos nosos veciños e veciñas e de todas as persoas que teñen establecementos comerciais e hostaleiros nestas rúas. Somos conscientes de que as obras sempre supoñen molestias, pero o resultado das mesmas é de beneficio común”.
A rexedora fai, agora, un chamamento ao “civismo” e solicita “a colaboración cidadá para respectar tanto os espazos peonís como o novo mobiliario urbano, a vexetación e as zonas verdes”.

A segunda fase desta actuación será aprobada no pleno municipal do mes de maio, que terá lugar o día 28, dando continuidade a este ambicioso proxecto. A intención é executalo nos próximos meses.

Comentarios