Vimianzo remata os traballos de mellora nos dous novos itinerarios da Vía Céltica que conflúen en Romar
O Concello de Vimianzo vén de rematar o traballos de limpeza dos dous novos itinerarios da Vía Céltica, que conflúen en Romar, e que foron descubertos recentemente pola asociación promotora da Vía Céltica.
O seu director, Manuel Amigo, asegurou que “buscamos novas opcións xa que os camiños anteriores eran perigosos ao pasar directamente pola estrada” e, completou, “a base de investigar, ler documentos antigos e buscar novas rutas en mapas atopamos dous percorridos diferentes que conflúen en Romar e que teñen orixes históricas vencelladas ao Camiño”.
Desde o Concello iniciáronse os traballos de acondicionamento destas vías, que incluíron o desbroce e a limpeza da maleza existente. Unha obra de gran delicadeza, xa que en gran parte do percorrido non podía accederse con maquinaria pesada, tendo que facerse de xeito manual.
Unha vez rematados estes traballos, desde a asociación procedeuse á súa sinalización e á inclusión destas rutas no track oficial e indicaron que “poucos días despois acabamos de sinalizar o percorrido e xa recibimos os primeiros peregrinos, que puideron gozar dun percorrido que goza dunha gran beleza natural”.