mércores. 26.03.2025
El tiempo

Vimianzo únese a Carballo na aposta polos Consellos Parroquiais

Vimianzo únese a Carballo na aposta polos Consellos Parroquiais

Esta pioneira forma de manter contacto cos veciños parece que funciona. Se por Carballo xa están formados os Consellos de cada parroquia, en Vimianzo arrincaron este pasado venres en Carnés o programa “O alcalde escoita".

”O alcalde escoita” a Carnés

O alcalde de Vimianzo escoita a parroquia de Carnes O alcalde de Vimianzo escoita a parroquia de Carnés

Máis de 80 veciños achegáronse ao Centro Social de Carnés para participar na xuntanza co alcalde e o grupo de goberno de Vimianzo, no marco do programa que por Vimianzo chaman “O alcalde escoita”. O alcalde expúxolles os proxectos que desenvolverá na parroquia proximamente e a veciñanza dirixiuse ao rexedor para plantexarlle a realización de obras e outras actuacións.

A intención do Goberno de Vimianzo é a de continuar con estas xuntanzas por todas as parroquias do Concello.

Consello de Rus

Consello Parroquial de Rus Consello Parroquial de Rus

Este pasado venres tocou a primeira xuntanza do Consello Parroquia de Rus, no que estiveron representados os grupos municipais do BNG e Terra Galega. Os representantes veciñais trasladáronse ao Concello de Carballo as demandas, propostas e inquedanzas recollidas nunha asemblea veciñal previa. As máis importantes están relacionadas coa seguridade viaria, unha preocupación que comparten a cidadanía e os gobernantes, e que no caso de Rus céntranse na mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da Canosa e na construción de beirarrúas dende a estrada xeral ata a igrexa. Evencio Ferrero comprometeuse a solicitar ao organismo provincial, por unha banda, a transferencia da pista que conduce á igrexa, o que permitiría ao Concello acometer pola súa conta a obra demandada polo Consello Parroquial. Así mesmo, pedirá que os enxeñeiros da Deputación visiten a zona da Canosa para concretar o tipo de sinalización precisa, tanto no que respecta ao pintado da vía (os veciños queren liña continua e pasos de peóns) coma aos indicadores de limitación de velocidade.

Ademais, ao igual que en Oza, en Rus tamén están preocupados polos danos causados polas empresas madeireiras, aínda que tamén defenderon esta actividade pola repercusión económica que ten, e recoñeceron que non é doado conciliar os intereses de todos.

Outra das demandas é a necesidade de máis servizos para a infancia, en concreto un parque infantil en Calvos. A próxima xuntanza do Consello Parroquial de Rus será o 15 de xuño.

Consello de Oza

Ademais tocou tamén cita co Consello Parroquial de Oza, que solicitou a instalación de pasos de peóns elevados na estrada de Carballo a Razo. Para solucionalo, o Concello volverá a facer os trámites ante a Deputación da Coruña, titular da vía.

Voleu saltar o tema dos danos causados polas madeireiras nas vías públicas e mesmo en propiedades privadas. Os membros do Consello Parroquial interesáronse pola existencia de normativa municipal ao respecto e polas vías ás que poden recorrer ante os posibles “abusos” das empresas. O alcalde explicoulles que Carballo ten unha ordenanza que regula a extracción de madeira e que obriga ás madeireiras a pedir autorización e a depositar un aval polos posibles danos que poidan ocasionar, pero que non sempre se respecta. De todos os xeitos, e como se trata dunha problemática común a todos os concellos, dende a Fegamp estase a traballar na elaboración dunha nova normativa.
O Consello Parroquial de Oza volverá a reunirse o 13 de xuño.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios