![Festa da Carballeira 2011]()
Unha fin de semana por todo o alto é o que nos espera na Costa da Morte. Se ben no eido das verbenas haberá moito para facer unha elección, este sábado, 6 de agosto, temos
unha cita de excepción da que só podemos desfrutar cada ano. É a Festa da Carballeira de Zas, que este ano xa vai pola XXVIII edición. Esta festa porá o broche de ouro á semana cultural do concello, que se vén desenvolvendo dende o 31 de xullo.
Programa
A cita comeza ás 17:00h, coas actuacións dos grupos de baile da Asociación Cultural Castro-Meda de Zas, o Grupo Folclórico Palacio do Rei de Lugo, e a Banda de Gaitas Inllar de Ponteceso.
Isto para abrir boca, porque pola noite, dende as 22:00h, subiranse ao escenario Muxarega de As Pontes, Coanhadeira de Ourense, Korrontzi, chegados dende Euscadi, Four Men and Dog, dende Irlanda, e Festicultores Troupe, orixinarios do noso país.
Unha ollada aos grupos.
Na
sesión vespertina, comezamos pola
A.C. Castro-Meda de Zas, cun repertorio cheo de características locais e propias. Os bailes aseméllanse ao xeito de moverse dos nosos maiores e os cantos teñen un componente claro relacionado con esta parte do mundo.
O
Grupo Folclórico Palacio do Rei de Lugo, caracterízase por un traballo de recollida, ensinanza e divulgación do folclore galego. Actuou en numerosos lugares ao longo da xeografía galega, e máis alá das nosas fronteiras, chegando incluso a Portugal, Francia ou Polonia.
En canto á
Banda de Gaitas Inllar de Ponteceso, participou en diversos festivais, incluso en Cantabria, Salamanca ou Huesca, e puido gravar un disco.
Por outra banda,
na sesión nocturna temos que comezar falando de
Muxarega, chegados dende As Pontes. Levaron a súa música por toda Galicia e máis alá, como por exemplo por Portugal ou a Bretaña francesa.
Coanhadeira eran inicialmente un grupo de gaiteiros con sons eminentemente tradicionais, pero que se transformaron e adaptaron dun xeito que poderemos ver o sábado.
Seguimos ollando os grupos, agora con
Korrontzi. Estes éuscaros fan un folk distinto ao que se fai en Galicia, ao que dotaron de novas contribucións musicais. A fusión da música folk de Euscadi coas súas danzas e as súas tradicións.
Dende Irlanda chegan
Four Men and Dog. Grandes enerxías combinadas con fortes melodías de danzas tradicionais son a súa carta de presentación. Outro dos atractivos da banda é a mestura da música tradicional irlandesa con outros xéneros, rap, rock sureño, blues, bluegrass, polca, country, swing, e mesmo salsa.
E por último centrámonos en
Festicultores Troupe, chegados dende o noso país. Este ano presentan o seu espectáculo O Sadomusiquismo, un xeito de acadar pracer a través do sufrimento de ter que facer o ridículo en público.
Datos de interese
O prezo da entrada á carballeira será de 5 euros, un prezo que inclúe o agasallo dun CD conmemorativo. Todo irá na compaña de boa comida e bebida, e con queimada gratuita para os portadores dunha xarra conmemorativa.
Lembramos ademáis, que dentro da Semana Cultural do Concello de Zas, ata o domingo 7 de agosto poderase visitar a exposición dos 28 anos de Carballeira no Centro de usos múltiples do Concello.
Máis información
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).