A Deputación e o concello de Zas renovan a xestión das Torres do Allo
Un maior coñecemento do ben, implicación da veciñanza na súa posta en valor, desenvolvemento dun programa para o seu uso educativo e inclusión na estratexia turística municipal son algúns dos obxectivos do novo convenio de colaboración que continúa o modelo iniciado pola área de Patrimonio e Contratación, dirixida polo deputado Xesús Soto, para a xestión das Torres do Allo por parte do Concello de Zas.
Neste sentido, o novo convenio subscrito polo deputado Xesús Soto e o alcalde Manuel Muíño contempla a xestión do servizo de atención aos visitantes, comunicación e promoción do ben, creación dun espazo didáctico e a aprobación dun programa de actividades de animación. Especial atención mereceu na avaliación da xestión anterior, o esforzo polo concello de Zas de dar a coñecer o que está considerado Ben de Interese Cultural e que é o primeiro monumento na principal vía de entrada á Costa da Morte. “Desde o concello desenvolveuse un importante labor de difusión, tamén a través das redes sociais e con soportes propios co fin de dar a coñecer as Torres do Allo como recurso turístico e patrimonial non só de Zas senón de toda a Costa da Morte e iso confirma a conveniencia de poñer o patrimonio da Deputación nas mans dos concellos en que se asentan”, valora o deputado Xesús Soto.
convenio-colaboracion-torres-allo-concelloAo respecto, o alcalde Manuel Muíño confirma a axilidade e a proximidade á veciñanza do monumento desde que a xestión depende directamente do concello. “Agora a referencia é o propio concello e desde alí dáse resposta a consultas, solicitudes de visitas ou achegas de materiais informativos”, sinala.
ActividadesO convenio entre a Deputación e o Concello prolóngase ao longo de todo o ano e, ademais do espazo didáctico, o plan de comunicación e o investimento en recursos humanos contempla actividades de animación como organización de exposicións, Room escape, visitas teatralizadas, día do xogo tradicional, concurso fotográfico, mercado tradicional de San Ramón, monografías e congreso, e outras iniciativas de conmemoración das festas tradicionais. O orzamento ascende a 46.596,37€ que a Deputación da Coruña achega ao Concello de Zas para a xestión global do monumento.
Neste mesmo mes de maio inícianse as actividades escolares con visitas didácticas e obradoiros para o que o pazo do Allo estará aberto todos os venres co fin de que os centros podan achegarse con reserva previa. As visitas adáptanse a cada ciclo educativo co fin de mostrar os valores artísticos, históricos, medioambientais, científicos e etnográficos do Allo.
Canda as visitas, desenvolverase un programa de obradoiros que inclúe un taller de plantación de sementes chamado “Sementes do Allo”, obradoiro de tecido artesanal, “Tecendo a miña roupa, circuíto de probas a “Xincana do Allo” ou o de escudos heráldicos co obradoiro “Escudo de Familia”.
Desde que a xestión depende do concello de Zas, as Torres do Allo incrementaron o número de visitas e no período vacacional do 23 de marzo ao 1 de abril un total de 662 persoas achegáronse a visitar o monumento.
As Torres do Allo forman parte tamén dos itinerarios do programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña e forman parte co castelo e os muíños de batán de Vimianzo e o propio Dolmen de Dombate de Cabana de Bergantiños do círculo monumental de bens da Deputación da Coruña que conforman, en tan só cinco quilómetros á redonda, un circuíto de especial interese monumental e artístico na entrada da Costa da Morte.
Novas relacionadas
- As Torres do Allo poñen en marcha un programa específico para centros educativos
- A artesanía e a tradición enchen de vida o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo
- As Torres do Allo vístense de traxe tradicional.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).