Venres. 19.04.2024
El tiempo

Alumnos do IES de Baio organizan unha foliada solidaria co pobo Sirio

Alumnos do IES de Baio organizan unha foliada solidaria co pobo Sirio
cartaz foliada solidaria baio Un grupo de alumnos e alumnas do IES Maximino Romero de Lema de Baio de "Artes escénicas e xestión cultural", asignatura de nova creación no centro impartida por Manolo Maseda, o director do mesmo, embarcaranse o próximo 28 de novembro nunha aventura solidaria. Estes rapaces e rapazas sensibilizáronse moi profundamente no tráxico panorama actual de Siria, e acompañados polo seu mestre, decidiron organizar un festival benéfico que terá lugar no pavillón de Baio, onde todo o recadado será doado a Médicos Sen Fronteiras (organización que está traballando activamente para axudar aos protagonistas desta dura realidade). Contan co apoio e a colaboración do alumnado de cuarto da ESO, do grupo tradicional Vintenbaio, da ANPA, da asociación cultural Adro de Baio, da asociación de Veciños Tabeirón, Suria, Madouma e imprenta San Cristóbal. Como actividade práctica de clase, negociaron e conseguiron levar a cabo o proxecto. Xestionaron a produción técnica e buscaron a colaboración desinteresada de diversos grupos de música galega, todos vinculados dalgunha maneira ao pobo de Baio. Grupos convidados “Taghaitaí”, grupo do que forma parte Manolo, que tocará cos seus compañeiros cancións tradicionais galegas. Por outra banda David Veiga, profesor de gaita da asociación cultural Adro de Baio, tocará co seu anovador grupo “Do fondo do peto”. Antía Ameixeiras, veciña do pobo que a pesar da súa xuventude xa compartiu escenario con grandes da nosa música como Carlos Núñez, presenta un novo proxecto baixo o nome de “Taín” con moitas sorpresas. Todo isto estará fiado polo coñecido artista Xurxo Souto, que encherá a tarde de emocións e reflexións. As actividades comezarán ás 19:00 horas coa proxección do documental de Cristina Antuña “Quiero irme a casa” e a peza de microteatro en directo ás 19:30 horas “Awlad: Infancia e Guerra” de Nadia Hariri e Lía Pichel. O concerto comezará ás 20:00h e o bono axuda será de 5 euros íntegro para Médicos Sen Fronteiras. Ao finalizar, sobre as 22:00h, dará comezo unha foliada aberta, guiada polo grupo de gaitas do centro “Vintenbaio”, á que todos e todas estarán convidados a bailar, tocar e cantar por un mundo con máis cultura e menos guerras. Estes rapaces e rapazas de apenas dezaseis anos queren concienciar e mostrar ao mundo que a pesar da distancia, todos debemos pór o noso gran de area para axudar a aqueles que tanto o precisan.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC ([email protected])
  • Alumnos Artes Escénicas IES Maximino Romero de Lema (Baio)
 

Comentarios