A Asociación de Empresarios mira xa á reactivación armando o “Baio ten a Pelota”
Despois destes tempos de paróns e protestas co exitoso #EuPecho, a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira quere pasar páxina e mirar cara o futuro.
E ultima xa os detalles da 6ª edición do “Baio ten a Pelota”, que volve tras dous anos de parada obrigatoria.
Un evento ao que acoden persoas de toda a Costa da Morte e incluso traspasa fronteiras. “Moitos pregúntase porque tivo e ten tanta fama unha pelota amarela en Baio? Pola combinación explosiva de comercio e hostalaría”, explican.
ASí, a do 6, 7 e 8 de maio será unha fin de semana cunha ruta de tapas especial, descontos nas tendas, artesanía, actividades infantís e moitisima diversión. Todo mundo que acude a Baio sabe que sempre atopará algo que lle guste teña a idade que teña, para pequenos e para maiores.
Para poder ultimar detalles, a Asociación de Empresarios convoca aos comercios e hostaleiros que están interesados a unha reunión o Luns 4 de abril ás 21h15 da noite no local social da asociación sito no polígono do Allo.