Venres. 29.03.2024
El tiempo

"Ata que non teñamos claro que a prostitución, así como a explotación e trata sexual, son violencia de xénero, non avanzaremos na concienciación social"

"Ata que non teñamos claro que a prostitución, así como a explotación e trata sexual, son violencia de xénero, non avanzaremos na concienciación social"
A zasense, Silvia Pérez A socióloga Silvia Pérez Freire (Zas, 1976) vén de recibir o primeiro premio á mellor tese de 2018 sobre violencia contra a muller, outorgado polo Ministerio da Presidencia. Baixo o título ‘Victimización na trata sexual: imaxinarios e invisibilización’, esta docente da Universidade de Vigo explica como “a trata sexual se está configurando como un mecanismo de ocultación da prostitución: outra manifestación de violencia de xénero”. Falamos con ela.
  • QPC: Na túa tese reflexas  como a trata se converte no chío expiatorio para non afrontar o fenómeno da prostitución. Que te levou a tratar este tema?
Levo vinculada a este tema desde fai uns 15 anos. En primeiro lugar, a través do traballo que tiven a oportunidade de desenvolver na Asociación feminista Alecrín en Vigo, coordinando un servizo no que coñecín a moitas mulleres en situación de prostitución e, ó mesmo tempo pero un pouco máis tarde, cos traballos de investigación social realizados na Universidade de Vigo, coa que compatibilizo tamén a docencia e o meu oficio de socióloga. A tese é un resultado dos estudos realizados nos últimos cinco anos anteriores á súa defensa. Foi algo natural, sempre tiven inquedanzas que me levaron ó feminismo, mesmo antes de saber o que era iso e despois os camiños laborais e o interés por profundizar nos temas, o compromiso social, etc. fixo o resto.
Sempre tiven inquedanzas que me levaron ó feminismo
  • QPC: Afirmas que a trata sexual como mecanismo de ocultación da prostitución implica outra manifestación máis da violencia de xénero. Porque cres que a esta forma de violencia contra a muller, quizais unha das máis extremas, non se lle dá a mesma visibilidade nos medios de comunicación có resto?
Creo que estamos nun momento no que podríamos situa-lo como fai vinte anos respecto á violencia de xénero no ámbito da parella. A prostitución, a explotación sexual e a trata sexual son tres conceptos que xuridicamente están diferenciados, pero que se manifestan na vida das mulleres nesas situacións como algo moi vinculado e entremesturado entre si. Ata que non teñamos claro que todas elas son violencia de xénero, non avanzaremos na concienciación social. Estaremos dándolle voltas á cuestións que só aportan confusións e lexitiman o fenómeno, como antaño co maltrato doméstico (que se elas aguantan, algo faría... e demáis mitos).
  • QPC: Cando se fala de trata, adóitase falar de trata asociada á prostitución con fins de explotación sexual. Hai diferenza entre prostitución e trata?
Si, hai diferenzas pero non vou a reproducir o marco xurídico actual porque creo que hai que superalo, hai que melloralo. De tódolos xeitos, hai que informar dicindo que actualmente a trata sexual está considerada como unha grave vulneración dos dereitos humanos, a explotación sexual no noso país está penada pero non está perseguida (non hai vontade de facelo), a prostitución non está penada nin perseguida (como debe ser, por outro lado) e o clientelismo sexual goza dunha ampla tolerancia social (esta é a clave da problemática, realmente). Creo que é importante dicir que a prostitución non é unha actividade ilegal e na miña opinión, así debe ser. O estado debería de preocuparse de facer efectivos os dereitos civís das mulleres en situación de prostitución, e isto pasaría por non ser explotadas nin tratadas sexualmente, e ofrecer un marco de igualdade de oportunidades no marco de traballos lexítimos.
Vincular a trata coa extrema violencia ocasiona a invisibilización de moitísimas vítimas
  • QPC: Pódese considerar a trata como a forma de 'escravitude' moderna do século XXI?
Non gosto moito de empregar a palabra escravitude porque fai alusión a un sometemento ligado a un imaxinario social de extrema violencia que non sempre se ten por qué dar nunha situación de trata sexual, e non por iso deixa de existir. De feito, na tese, o que plantexo é que este feito, o de vincular a trata coa extrema violencia ocasiona a invisibilización de moitísimas vítimas.
  • QPC: Volvendo ao teu traballo, nel analizas a trata sexual desde varias ópticas como a dos concellos, forzas xurídicas, ongs, expertas e puteros. Posto que estamos falando de algo do que non adoita falarse (e valga a redundancia) e que implica unha violación grave dos dereitos humanos, supoño que nalgún destes ámbitos o teu traballo non foi tarefa doada…
As mulleres, en xeral, e as feministas, en particular, estamos moi acostumadas a convivir en contextos hostís ou pouco amigables... así que xa contamos con entrenamento previo pero si, non se podería entender o nivel de confianza ó que cheguei cos operadores xurídicos, sociais e policiais, vítimas e puteros se non fora coa experiencia de moitos anos de traballar na intervención social nese ambente. Por iso tamén nos agradecementos menciono primeiro á desaparecida asociación feminista Alecrín e agora, á asociación Faraxa pola abolición da prostitución. Sen a súa contribución non podería ter chegado a coñecer de forma tan profunda esta realidade social.
  • QPC: O non recoñecemento dos danos que produce a prostitución nas mulleres fai que estas sexan máis indefensas e non se faga visible a súa realidade. Que cres que temos que facer como  sociedade para que as administracións e os corpos de seguridade comecen a mirar este tema de verdade?
Esto é unha cuestión moi importante, na miña opinión. Na actualidade, frivolízase moito coa prostitución e esto responde á dobre moral coa que a nosa sociedade trata este tema. Isto é o que ten que ir cambiando. Algo que chama moito a atención é o contraste coa que se vive esta mesma realidade: o dramatismo das mulleres en situación de prostitución en contraposición coa ociosidade dos clientes-puteros. Esto é o primeiro de debe facernos reflexionar.
  • QPC: O tema da prostitución pódese extrapolar ao rural costeiro. Os alcumados ‘puticlubs’ están á orde do día, á vista de todo o mundo nas estradas comarcais do país (Vimianzo, Ponte do Porto, Carballo...), e non pasa nada. Que fai falta para que se comecen a tomarse medidas contra estes clubs nos que se sabe de sobra que se explota a mulleres?
Pois en primeiro lugar, que se teña a vontade de querer facer cumplir as leis existentes na actualidade e que, xa che adianto que de momento, non existe ou son mostras moi tibias, para cumprir con algo pero sen o rigor e a seriedade debida. Temos que lembrar que parte do marco normativo lexislativo que temos é imposto por directrices europeas. De feito, fixémolo con moitas resistencias, non é casual que se retrasara máis de dez anos a tipificación do delito de trata e sabendo que iso implicaba pagar multas, como se fixo. ¿Por qué non existe? Eu creo que iso ten directamente que ver coa tolerancia social cara ao clientelismo sexual.   
A historia dinos que cando existen importantes avances na reivindicación dos dereitos civís, e máis no caso das mulleres, emerxen os grupos máis reaccionarios para confrontar e minimizar este avance
  • QPC: Por último, desde a túa perspectiva como socióloga experta no tema, pensas que o 2018 está sendo tan histórico en materia de concienciación social contra a violencia de xénero, tal e como parece desde o outro lado da pantalla?
Si, creo que estamos nun punto de inflexión importante pero non debemos confiarnos porque a historia dinos que cando existen importantes avances na reivindicación dos dereitos civís e máis, se se trata de dereitos civís das mulleres, emerxen os grupos máis reaccionarios para confrontar e minimizar este avance. Esperemos que nós sexamos cada vez máis: homes e mulleres na reivindicación dos dereitos humanos e na loita contra a violencia que sofren moitas mulleres no mundo, tamén na nosa cultura.  

Comentarios