mércores. 13.08.2025
El tiempo

Zas organiza unha observación astronómica na Arca da Piosa con Jorge Mira

Arca da Piosa nocturna
A Arca da Piosa será un dos lugares visitados
Zas organiza unha observación astronómica na Arca da Piosa con Jorge Mira

Seguen afianzándose as propostas para aprender a gozar do noso ceo, arredor do noso Destino Starlight. Estes días xa vimos as ofertas dende Cabana e Vimianzo, e hoxe coñecemos outra iniciativa astronómica do concello de Zas.

O Concello de Zas organiza o vindeiro luns 25 de agosto ás 22:00horas a actividade “Mirada ao firmamento dende o pasado”, unha proposta pensada para toda a familia que contará co coñecido divulgador científico Jorge Mira como guía da observación astronómica.

O punto de encontro será na igrexa de Santa Sía de Roma, desde onde se iniciará unha camiñada de aproximadamente 2 quilómetros ata o dolmen da Arca da Piosa, un dos monumentos megalíticos máis emblemáticos do municipio. O percorrido presenta unha dificultade baixa.

Durante a actividade, as persoas asistentes poderán contemplar o ceo nocturno e identificar as súas estrelas e constelacións máis destacadas, guiadas polas explicacións de Jorge Mira.

Para unha mellor experiencia, recoméndase levar roupa de abrigo, lanterna e unha manta para poder deitarse comodamente durante a observación.

Inscricións

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través deste formulario dispoñible en ou chamando ao teléfono 981 718 056.

Comentarios