A Festa da Carballeira de Zas cumpliu a 40ª edición ratificando a súa autenticidade

Alá foi o 40 aniversario dun dos festivais máis lonxevos, e auténticos, do país. Porque lonxe dos novos formatos de fastmusic que proliferan por todo o país da man de grandes produtoras comecartos, a Festa da Carballeira de Zas segue a ser un refuxio máxico da música folk de calidade.
Así se demostrou este ano, onde ademais o protagonista foi o talento feminino, xa que todo o cartel estivo configurado por mulleres, que deixaron para o recordo dúas xornadas completa.
Trala sesión do venres, as portas abríronse o sábado para dar comezo a xornada familiar na Carballeira de Velar, onde asistentes de todas as idades comezaron a troula dende ben cedo, para desfrutar dun día cheo actividades, actuacións musicais e gastronomía.
A sesión vermú estivo amenizada por A Banda da Loba, que puxo ritmo e alegría á mañá. Entre baile e gargalladas, como vén sendo tradición, a mexillonada popular volveu ser un dos momentos máis esperados da xornada, repartindo un ano máis miles de racións. E, para seguir pasándoo en grande, os máis pequenos puideron desfrutar de xogos tradicionais, inchables e outras actividades como a actuación de Uxía Lambona e A Banda Molona. Para o público adulto, a feira de artesanía, ofrecendo unha gran variedade de postos con produtos artesanais como instrumentos musicais, bixutería ou roupa.

Xa pola tarde, a festa colleu forza coa chegada da Gran Foliada, da man de Pandeireteiras Chorima de Churía, Grupo de Gaitas Xiradela, Pandeireteiras Baralloas de Raigañas, As DeBuxantes, As Lerchas e Xela Cantareira, facendo que o público bailara, tocara e cantara coa música tradicional galega. O peche da sesión de tarde correu a cargo da artista Carmela, cun concerto de música folk que serviu como preludio perfecto para a noite.

Xa entrada a noite, o escenario principal da Carballeira acolleu as actuacións do dúo Caamaño & Ameixeiras, seguido da impactante posta en escena de Mercedes Peón, quen cantou, tocou e bailou ofrecendo un momento de vangarda e conexión única co público. Para continuar a noite, subiu ao escenario SÉS, cun directo poderoso e cargado de autenticidade. A noite rematou con Señora DJ, coroando un 40ª aniversario que superou todas as expectativas, cun ambiente vibrante, cheo de música, emocións e momentos para o recordo.
