domingo. 08.12.2024
El tiempo

"Baio está morrendo": Empresari@s e Concello acordan novas medidas para dinamizar o Nadal

  • O pasamento da Asociación de Empresarios obriga ao Concello de Zas a asumir as campañas de dinamización económica.
  • O empresariado, organizado en grupos de whatsapp, esixe ao Concello máis compromiso.
  • Unha das actividades será o Fin de Ano adiantado
Imaxe do comercio de Baio nunha campana estival
Imaxe do comercio de Baio na rúa nunha campaña estival
"Baio está morrendo": Empresari@s e Concello acordan novas medidas para dinamizar o Nadal

Importante reunión mantida onte no Auditorio de Baio entre o tecido empresarial e o Concello de Zas. Representantes dos sectores do comercio, servizos e hostalería reuníronse co rexedor Lolo Muíño e o concelleiro José Manuel Brenlla, coa intención de reactivar a vida comercial da vila, “en claro declive”, para formular ideas de cara a este Nadal e sentar bases de actuación para o 2024.

Unha reunión á que acodíu moita representación empresarial. Se o pasado martes na última reunión da Asociación de Empresarios había 7 persoas, onte eran 20 as presentes, representando a Modas Lucri, Confeccións Valiña, A Lareira, Tejanos, Comercial Santi, Libraría Torre Penedo, Vístete, Calzados Yolanda, Rapaciños, Tenda de Ale, Parfarmacia, Javi Díaz, Calzados Paco, Bar Trébol, Costa Flor, Barbeiro Miguel, Vilariño, O Cruce, Tejidos Almary, A Raxaría Os Arcos e Ana Antelo Avogada. Foi unha tensión tensa, segundo os empresarios, pero “construtiva”, como sinalou o alcalde, valorando a alta representación do tecido empresarial.

Tócalle ao Concello asumir, como xa fixo coas campañas do “Punto Rojo” ou do “Baio ten a pelota”, a organización do programa de dinamización durante o Nadal, unha vez que a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira “está na UCI”. Unha Asociación que morrerá en febreiro (cando se pechen uns flecos pendentes dunha subvención), trala dimisión de Tatiana Rellán (hoxe concelleira e voceira do BNG en Cabana) porque non hai quen a colla, e todo queda en mans dun par de grupo de juasaps, máis aberto e sen as responsabidades dunha directiva.
Unha situación que lamentan dende o Concello que reiteraron a necesidade de que exista unha Asociación para “axilizar a comunicación” e sobre todo para deseñar e idear as propostas. “Nós estamos para apoiar as iniciativa e mesmo para pagalas, pero deseñalas debería por parte do empresariado”, explica o rexedor. “Non é que non nos quede outra que asumir estas responsabilidades, que hai outros que non o fan. Non é un servizo esencial, pero é importante e facémolo”, sinala. “Non hai nin vai haber Asociación”, ratificaron os empresarios, que lamentan ver como “Baio está morrendo”.

Nadal: Fin de ano adiantado

Falou primeiro o alcalde, que presentou o programa de Nadal, centrando a actividade en dous eventos fixados para o 23 e a cabalgata do 5 de xaneiro, ademais dunha iluminación que se acenderá o día 6 (o empresariado mira con recelo outros concellso da zona), e que contará coa novidade dun oso de luz que se instalará na praza de Baio (a bola pasa para Zas). “A nosa iluminación non é como a de Vigo, pero é bastante boa”, valora o rexedor.

Durante o nadal, o Concello porá 2.000 euros para un sorteo 10 premios de 200€ para gastar en establecimento comercial, coa novidade de que cada cupón entrará no sorteo.

O Concello si asumirá unha idea aportada na reunión polos empresarios, que será adiantar a festa de fin de ano para o sábado 30 de decembro, cunha festa infantil pola tarde, e unha festa pola noite para a mocidade.

Plan Anual

Con respecto ao resto do ano, os empresarios pedíronlle ao rexedor manter reunións periódicas para ir artellando as campañas máis importantes: Punto Rojo, Pelota e Nadal. Pero tamén xa quedaron nunha reunión este vindeiro 19 de decembro para ir preparando o Entroido.

Ademais, votouse para cambiar o Feirón do primeiro martes de cada mes, pois ten moi pouca xente, e propúxose que se instale o primeiro sábado de cada mes. Agora o Concello terá que propoñelo na Xunta.

Comentarios