venres. 13.02.2026
El tiempo

De canalóns, responsabilidades e deficiencias nos centros de ensino de Zas

Canalons no CEIP ZAs
Estado dos canalóns no CEIP Zas
De canalóns, responsabilidades e deficiencias nos centros de ensino de Zas

Facía referencia este mércores no Parlamento, contábamolo en QPC, o Conselleiro Román Rodríguez, aos "tupidos" canalóns, e á súa falta de mantemento, como causantes das humidades, pingueiras e demais desfeitas que sofren os dous centros educativos de Zas. Un xeito de poñer no tellado do Concello (responsable do mantemento dos centros educativos; a Xunta ocúpase de obras maiores e restauracións) a responsabilidade das deficiencias en ambos centros. 

Con esta clara imaxe responde o Concello zaseiro, dando conta de que os materiais non son infinitos, e que os canalóns dos que falaba o Conselleiro non é que estean "tupidos", e que están destrozados e a Xunta non os repara dende hai anos. "Como se van a tupir se están rotos por abaixo?", sinalaba con rabia o alcalde de Zas.

Quere así o Concello aclarar a situación actual respecto ás actuacións necesarias no CEIP Labarta Pose e no CPI de Zas, tanto para que a cidadanía teña clara as competencias e responsabilidades de cada administracións, como para lembrarlle ao Conselleiro que en Zas hai dous centros de ensino. Pois onte parecía no Consello do Parlamento que con que estea en proceso de redacción o proxecto de rehabilitación para o centro baiés (despois de telo prometido hai 2 anos), xa se van solucionar tamén as carencias no de Zas maxicamente. “O que precisamos son compromisos firmes, prazos e orzamentos reais”, sinalou Muíño en relación ao longo proceso de "redacción", ante a falta de concrecións.

50 anos

Tellado  CEIP LABARTA
O Tellado do comedor do CEIP Labarta Pose aínda é da uralita antiga

En relación coas referencias ao mantemento dos centros de Infantil e Primaria por parte do conselleiro, desde o Concello informáselle que as actuacións estruturais necesarias, como a renovación de cubertas, fachadas ou carpinterías, responden ao desgaste acumulado polo paso do tempo e requiren investimentos de maior entidade que exceden o mantemento ordinario.

Lembrámoslle ó conselleiro que en edificios de máis de 50 anos que nunca foron obxecto de ningún arranxo non se pode manter case nada, hai que cambiar todo porque todas as construcións e materiais teñen una vida útil. Para mostra, ademais dos canalóns, o Concello lembra que as fiestras do CPI de Zas teñen máis de 30 anos, así como as uralitas de máis de 50 anos que teñen amianto do comedor do Labarta Pose.

FIESTRAS Cole de Zas
As fiestras do cole de Zas teñen máis de 30 anos

Competencias

O rexedor lembra ademais que, máis alá das cuestións competenciais, o Concello de Zas leva anos asumindo actuacións, xunto coas ANPAS e as dirección dos colexios, e gastos que non lle corresponden, co único obxectivo de mellorar as condicións dos nosos centros educativos. Entre outras intervencións, actuouse nos centros con obras no parque infantil do CPI en Zas, co aglomerado interior do Labarta Pose ou co arranxo da pista deportiva en Zas, entre os moitas actuacións que non temos espazo para poder enumerar aquí. Así mesmo, o Concello está a asumir o custe da enerxía eléctrica dos dous centros, con cerca de 4.000 euros mensuais entre os dous colexios.

 “O noso compromiso coa educación pública é firme e constante. Seguiremos colaborando e facendo o que estea na nosa man, pero tamén esixindo á Xunta que cumpra coas súas responsabilidades e que concrete os investimentos anunciados e corrixa as deficiencias denunciadas”, engade Muíño. 

Reunión

Máis alá da visita realizada hai varias semanas, o Concello continuará solicitando unha reunión formal coa Consellería de Educación para abordar de maneira directa as necesidades do CEIP Labarta Pose de Baio e do CPI de Zas, e traballará da man das ANPAs e da dirección dos mesmos para buscar solucións que permitan mellorar as condicións actuais mentres non se materialicen as actuacións estruturais precisas. 
 

Máis novas

Comentarios