O PP anuncia no Parlamento que leva 2 anos redactando o proxecto de rehabilitación do CEIP de Baio pero esquece o CPI de Zas
Chegaron ao pleno do Parlamento Galego deste mércores as precarias situacións dos centros educativos de Zas. Tanto o CEIP Labarta Pose de Baio como o CPI de Zas están sufrindo as consecuencias de ter máis de 50 anos, durante os cales apenas se realizaron obras de rehabilitación. Unha situación que chega un mes despois de que o Conselleiro anunciara un proxecto de rehabilitación de 1M de euros no CEIP baiés, a pesar de que a promesa fora lanzada hai xa dous anos trala visita en 2023 dos técnicos.
Foi neste caso o PSOE o que levaba varias preguntas advertindo a “situación moi grave" tanto do centro baiés como do zaseiro. Dous centros nos que por momentos "chove dentro" e hai "teitos que caen”. “O material escolar xa non é só caderno e lapis. Hai que levar deshumidificadores, que son uns máis nas aulas. Hai que levar chuvasqueiro, porque chove máis dentro que fóra. Hai que levar casco, por se cae algo do teito. E hai que levar a mochila cargada de paciencia”, debullou a deputada socialista Patricia Iglesias, que preguntou polos prazos do investimento prometido en Baio e pola posible rehabilitación do zaseiro. Polo menos, solicitaba o compromiso de que os técnicos vaian visitar un centro que cae a anacos.
”A culpa é do Concello”
Respondeu cun magno exercicio de demagoxia o Conselleiro Román Rodríguez, que botou balóns fóra, intentou poñer no mesmo cazo os premios educativos dos mestres de Zas coa mala calidade das infraestrururas, acusou de mentir á deputada socialista, puxo toda a responsabilidade no Concello e na falta de mantemento dos canalóns (que están tupidos e que provocan esas humidades…), e mesmo acabou lanzando arengas ao goberno central.
Esqueceu apuntar Román que os dous centros teñen máis de 50 anos, que o teito do comedor é uralita da de antes (con amianto), que hai canalóns que non se poden tupir porque non teñen nin fondo a pesar de que o Concello tenos cambiado (a pesar de a reposición non é “mantemento” e debería ser responsabilidade autonómica) en varias ocasións.
Tamén esqueceu responder ás preguntas sobre o CPI de Zas, do que por ser un centro máis pequeno, de seguro que fica no esquecemento se non é polo traballo da ANPA e da Dirección.
”En fase de redacción”
O Conselleiro limitouse a sinalar que “o proxecto de rehabilitación do Colexio Labarta Pose de Baio está en fase de redacción” (xa leva tempo redactalo, pensan por Baio), e incluirá, entre outras actuacións, o illamento térmico das fachadas, a renovación das fiestras e a reforma das cubertas.


