O Club de Lectura Baiolendo é recoñecido polo Ministerio de Educación
Grandes novas, unha vez máis, para o IES Maximino Romero de Lema de Baio. O Club de Lectura Baiolendo vén de recibir un 2º premio na edición 2021-2022 dos Premios Clubes de Lectura Escolares, outorgado polo Ministerio de Educación.
O Ministerio recoñeciu ao centro de Baio como un dos 7 máis comprometidos do estado, no que participan 58 alumnos e o profesorado. Todo un amplo elenco de actividades conformaron o encontro cos libros e coa lectura: recensións de libros; photocoll de Candorcas e unicornios, de María Canosa; encontros literarios (con Laura Suárez, Nee Barros, Arantza Portabales); fotografías que recollen a esencia literaria; encontros trimestrais compartindo doces e reflexións das lecturas realizadas; elaboración de marcapáxinas; creación de vídeos ao redor da lectura; roteiro literario…
”Este recoñecemento outorga folgos renovados para seguirmos apostando pola lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, a entender a importancia do noso patrimonio cultural que tecen escritoras e escritores, e, sobre todo, de compartir a experiencia da literatura”, recoñecen dende o centro. Como finalizaba a memoria enviada ao Ministerio, “Cada libro ten unha luz. Cada lectura alumea un universo de resonancias. Baiolendo é iso e moito máis”.
O centro recibirá 2.500€.