A oposición critican a xestión nas axudas á dependencia en Zas
08:02 28/04/16
David Gómez, portavoz do Partido Popular de Zas, denunciou onte que os veciños e as veciñas do municipio perderán 45.213,41 euros que a Xunta de Galicia destina a financiar o servizo de Dependencia. Segundo Gómez isto débese á mala xestión do goberno local, liderado polo nacionalista Lolo Muíño.
En concreto, os populares explicaron que o concello de Zas nin contratou profesionais, nin quixo pedir máis horas á empresa encargada de ofrecer un servizo que, tal e como subliñou Gómez, é financiado “practicamente na súa totalidade” pola consellería de Benestar Social da Xunta.
“Por cada hora prestada, a Xunta sufraga 9,70 euros, o que supón case o 100% do importe”, explicou o portavoz popular, quen resaltou que o concello só estaría obrigado a pagar un euro nalgún caso concreto. “O que sucedeu é que a Xunta asignou unhas horas do servizo aos veciños que as demandaron, pero o concello non quixo prestar este servizo para aforrarse a partida que debe achegar”, declarou o popular.
Un servizo moi demandado
David Gómez, que calificou de “incomprensible e inxustificable” a decisión tomada polo goberno local, resaltou a importancia do servizo de Dependencia ofrecido pola Xunta que, tal como explicou, está “moi demandado por moitos veciños”.
O portavoz popular fai fincapé en que os servizos sociais e a atención ás persoas son un asunto “prioritario e de vital importancia para os veciños” no que o goberno de Zas “non pode nin se debe escatimar gasto”. Segundo indica Gómez "dá a sensación de que o rexedor non pensa o mesmo e prefire destinar esta partida económica a outros temas que o único que perseguen é financiar as políticas populistas do señor Muíño”.
Responsabilidades
Por outra banda, desde o grupo municipal do Partido Popular de Zas advertiron de que o goberno local botaralle a culpa á Xunta cando os veciños pregunten polo servizo de Dependencia do municipio.
“Aquí en Zas estamos afeitos a que o alcalde eluda calquera tipo de responsabilidade e que a culpa sexa sempre da Xunta ou de outros”, dixo o portavoz popular, quen indicou que, neste caso, o rexedor debería dar explicacións de como e por que se tomou unha decisión que priva aos veciños do municipio dun servizo que demandaron.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- PP Zas