Martes. 01.12.2020
El tiempo

David Abelenda: “Prohibir nunca é a solución. Temos que darlle solución aos problemas dos autocaravanistas e aproveitar a oportunidade”

David Abelenda, xerente de Autocaravanas Costa da Morte
David Abelenda, xerente de Autocaravanas Costa da Morte
David Abelenda: “Prohibir nunca é a solución. Temos que darlle solución aos problemas dos autocaravanistas e aproveitar a oportunidade”

O turismo de autocaravanas foi un dos grandes protagonistas deste singular verán de 2020. E máis nunha comarca como a nosa, que leva recibindo casiñas rodantes de toda Europa dende hai anos.

Este verán estivo no medio de todas as conversas. Algúns seguen sen entender a oportunidade que xera para unha zona como a Costa da Morte, e centran as súas críticas nalgún turista despistado que aparca en calquera lugar ou que se mete ata a area da praia.

É difícil valorar canto medrou esta clase de turismo, pero para analizalo falamos cunha das persoas que mellor o coñece. O zasense David Abelenda é xerente de Autocaravanas Costa da Morte, unha das empresas máis potentes de España, con varias delegacións por todo o estado e mesmo en Italia. O zaseiro vive en Laxe e percorre todos os días 70 km de ida e outros tantos de volta para poder vivir no rural costeiro. “Aproveitou e, como en Italia empezan antes, a ida xa vou falando con eles; e á volta vou falando con clientes. O único que me molesta é ter que andar pagando 4 eurs ao día pola Autopista por temas políticos que non deberíamos sufrir”, apunta a nivel persoal.

Abelenda coñece ben o seu sector, non só por todos os anos de experiencia, se non porque tamén disfruta do turismo de autocaravana no seu tempo de lecer. “Eu teño a miña autocaravana e saio case todas as fins de semana coa miña familia por aí, por suposto”.

 Caravanas aparcadas no porto de Malpica
Ante a falta de servizos, as autocaravanas teñen que aparcar en lugares como o porto de Malpica

  • QPC: É posible calcular canto medrou o turismo neste singular verán?

É certo que está máis na boca da xente que nunca, pero non o podemos medir con exactitude. Pero si que o crecemento do mercado neste ano estaba formulado a 7-8 anos vista, e xa me chegaron correos de marcas distribuidoras de que están bloqueando pedidos para 2021, non poden producir máis vehículos ante a demanda existente.

Cal foi a nosa vantaxe? Chegou xente que nunca pensaría en tocar unha autocaravana. Probou, alquilou, gustoulle e agora compra. Se no mes de marzo estaba moi temeroso, agora miro e vexo que vendimos todo o que tiñamos.

 
  • QPC: Como cres que é a valoración deste turismo por parte da nosa comarca?

Non entendo como podemos menospreciar os 65-75€ que gastan, como mínimo, estes turistas por día, que non levan unha horta no tellado. Está botando cartos en todos lados. Para min, sumar é bo sempre.

Despois atopas titulares na prensa que tampouco axudan: “As autocaravanas colapsan Nemiña”, cando o titular debería ser “Nemiña non está preparada para recibir ao turismo de autocaravana”. Para min prohibir nunca é a solución. Temos que darlle solución ao problema e aproveitar a oportunidade.

 
  • QPC: E a nivel municipal?

Hai de todo. Eu estou en contacto continuo cos alcaldes da comarca, asesorándoos gratuitamente, e encantado de facelo. Estou estes meses traballando con Vimianzo a verdade é que dá gusto o interés que lle meten, son un exemplo de coordinación.
Teñen que ver que hai que convertirse en referencia internacional, e hai que facelo dando servizos. Que volvan e digan “estiven nun paraíso, nun par de estacións para autocaravanas espectaculares”.

 
  • QPC: E temos servizos suficientes na Costa?

Pois temos 2 en Caión; 1 en Ponteceso e 1 prevista en Corme; 1 en Muxía; 1 privada en Fisterra; 1 en Carnota, 1 en Mazaricos; e 1 moi boa prevista en Vimianzo. E en Camariñas tiveron que pechar a de Ariño polas queixas da comunidade de Montes, propietaria da zona, e están traballando para facer dúas de cara ao verán, unha na estrada do Faro, e outra na Ponte do Porto.
Ademais nós temos en marcha unha privada que imos facer en Zas, unha xa con experiencia completa, con visita a granxa, con saídas en bici…

 
  • QPC: Cantas cres que fan falta, entón?

Fai falta unha urxente en Laxe, pero a zona de Soesto ou Traba son complicadas por temas de protección ambiental. Pero podería ter na vila unha zona de carga e descarga de augas grises, e os simples aparcamentos nesas dúas praias que son un atractivo tremendo para os autocaravanistas.
Nemiña necesita unha área e máis co tema de apostar pola Reserva Mundial de Surf. Imos facer as estradas e os servizos e despois pedimos…
E a área de Cee-Corcubión tería que ter tamén unha.

 
  • QPC: E os campings, son unha boa alternativa?

Ao meu modo de ver non hai demasiada ambición nos campings da zona, que creo deberían modernizarse cos tempos que corren. Chegas ao Algarve e unha macrocaravanta pode desplegar perfectamente todo o seu petate. Pero nos nosos campings non hai espazo… Ademais, baixo o meu punto de vista terías que estar aberto 11 meses ao ano.

 
  • QPC: Porque tamén repercute na tan desexada “desestacionalización” do sector?

Pois mira, antes traballabamos de 23 de xuño a comezos de setembro, e agora como mínimo de semana santa ata outubro. Coido que dende abrín a empresa, multiplicouse por 3 o nivel de desestacionalización, e ese poder de dinamizar a comarca todo o ano é moi importante.

 A Autocaravana de David Abelenda
  • QPC: A nivel empresarial, falamos dunha empresa pioneira. Cales son as vosas liñas de negocio?

Temos venta, alugueiro e mantemento. A empresa empezou como aluguer, pero agora é máis como aposta comercial, como gancho. Agora nosa empresa caracterízase sobre todo por ocasión, e se convertiu nunha das máis fortes de España. No mercado novo hai moita competencia, pero seguimos tendo marcas moi importantes.
Pero estamos dándolle unha volta ás experiencias de aluger, ofrecendo un servizo de calidade máxima, porque creo que se vas de vacacións é para disfrutalo. Así, por exemplo imos recollerte ao aeroporto, con sábanas e toallas diarias, e mesmo neveira chea, para non teñas que preocuparte por nada máis que disfrutar.

 
  • QPC: Que tipo de clientes tes? Máis visitantes que veñen á costa ou costeiros-coruñeses que marchan por aí?

Ata fai dous anos, o 80% vendíamolo fóra de Galicia. Agora, hai máis competencia, e temos delegacións, pero o 70% do que vendemos agora é a Galicia.  

  • QPC: Corre o sector perigo de morrer de éxito?

Pois nalgún caso como na hixienización e preparación do vehículo antes da entrega si que hai riscos, e máis nos tempos que corren. Non podes entregar unha autocaravana con só dúas horas de preparación… É malo para o sector das autocaravanas e tamén malo a nivel imaxe para a túa zona.

Autocaravanas Costa da Morte esta en Ledono-Culleredo
Autocaravanas Costa da Morte está en Ledoño, Culleredo

Novas relacionadas

comentarios