Deporte, natureza e gastronomía cítanse no I trail da filloa de Zas

07:01 01/02/17
https://www.facebook.com/traildafilloazas/videos/1148487268604229/
O deporte, a natureza e a gastronomía son os tres principais ingredintes do I trail da Filloa de Zas que terá lugar o 12 de febreiro. "A resposta está por riba das nosas espectativas xa que a nove días de que se pechen as inscricións hai case 300 inscritos", sinala David Fernández, membro da asociación deportiva Monte do Brondo que, xunto co concello de Zas, son os organizadores do evento.
O trail conta con dous percorridos: un curto - de 16 quilómetros e de 720 metros de desnivel -, e outro longo de 26 quilómetros e 1230 metros de desnivel. O punto de saída e a meta de calquera dos dous percorridos é a praza do concello de Zas e partirán ás 9:30 horas (os participantes no percorrido longo) e ás 10 horas (os do curto). As inscricións son a través da páxina galitiming.com e pecharanse o xoves día 9 de febrerio ás 12 horas.
O monte Brondo, o Pión e o Castro - que pertencen ás parroquias de Loroño e San Adrián - son os principais lugares polos que discorren as probas que terán zonas de lama, auga, subidas duras e baixadas pronunciadas. "Queremos poñer en valor paisaxes descoñecidas das nosas parroquias onde hai carballeiras que non se pisan dende fai máis de trinta anos", indican os organizadores.
Ainda que a proba non é competitiva recibirán cadanseu trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, o máis veterano e o primeiro - tanto feminino como masculino - censado no concello de Zas.
Degustación de filloas
Os participantes degustarán un dos productos típicos de Zas; as filloas da pedra. A degustación terá lugar unha vez rematadas as probas no pavillón de Zas. Precisamente, este sábado unha comitiva desprazarase ata Xantar, a Feira de Turismo Gastronómico que se celebra en Expousense, para realizar un showcokking da filloa á pedra.
Un dos restaurantes da vila, O Tívoli, súmase ao evento ofrecendo un menú especial para este I trail da Filloa de Zas. Así, tantos os participantes como todos aqueles que o desexen poderán degustar por 12€ un xantar composto por calamares, cocido con filloas, postre, bebida e café. Os interesados deben reservar previamente no 981 751 198.
III xornadas de exaltación da filloa á pedra
Esta proba deportiva é unha das actividades que se enmarcan dentro das III xornadas de exaltación da Filloa á Pedra que terán lugar o 11 de marzo. Esta exaltación, organizada pola asociación de veciños Barolo de Loroño, consiste na degustación dun menú composto por un cocido, filloas á pedra, poste e bebidas. O custe é de 20€ por persoa e gratis para os menores de 12 anos.
A festa será no pavillón de Zas e comezará ás 21:30 horas. Ademais, haberá unha actuación musical.
Máis información

- Páxina de Facebook do I Trail da Filloa Zas
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)