Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Un encontro de improvisación en galego-portugués abre unha o IES de Baio na Semana Cultural

ENCONTRO DE REPENTE INTERXERACIONAL GALEGO PORTUGUÊS copia
Un encontro de improvisación en galego-portugués abre unha o IES de Baio na Semana Cultural

Iremos debullando unha a unha as actividades que teñen preparadas para esta última quincena de novembro a Comisión de Cultura do IES Maximino Romero de Lema, xunto co alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural de 1º BACH, o alumnado de Imaxe e Son e Igualdade de 2º BACH e o Club de Regueifa. Unha programación cultural que abrangue linguaxe, regueifa e música como fíos condutores.

As xornadas arrincarán este mércores 20 co Encontro Interxeracional de Repente Galego-Português. Un evento de improvisación aberto a toda a Comunidade Educativa (tamén dos colexios), que se desenvolverá de12:45h a 14:25h no Salón de Usos Múltiples.

A cita sae como resultado das relacións entre a illa de Madeira e o IES Maximino Romero de Lema, como un dos centros impulsores da regueifa no noso sistema escolar e conta coa materia “Regueifa e improvisación oral en verso” na súa oferta educativa dende fai anos. Impulsor, xunto ao IES do Marco do Camballón, do Proxecto Regueifesta, o alumnado de Baio ten viaxado ao País Vasco, Cataluña ou, o verán pasado, a Madeira, en diferentes intercambios escolares en volta ao repentismo.

O mércores 20, tres alumnos e tres profesores da Madeira entrarán en contacto cos seus iguais galegos e farán unha demostración da súa poesía improvisada, que na illa se coñece como “despique”.

Un dos profesores convidados é Roberto Moniz, profesor de cordofones no Conservatorio Escola Profesional de Artes da Madeira e activista na revitalización da música tradicional. Acompáñao a profesora Maria Gabriela Nóbrega, impulsora do “Projeto Repentismo” no sistema escolar da Madeira, e o músico Mário André, un dos referentes da música popular madeirense e integrante do grupo “Banda d ́Além”. Con eles virán os alumnos Marco Teixeira, Igor Freitas e Francisco Martins Jesús, da nova xeración de improvisadores da illa de Madeira.

Por parte do instituto de Baio, terán oportunidade de regueifar alumnas e alumnos do Clube de Regueifa coordinado polo profesor Manolo Maseda e presentarán o acto o alumnado de RIOV. Ao acto acudirán tamén regueifeiros e regueifeiras da comarca como Fernando de Borneiro, o Señor Remixio, Diego de Mazaricos e José Cambeiro (Leiro) entre outros.
Ao finalizar o acto realizarase un xantar de convivencia repentista.

Máis citas

Iremos repasando pero xa avanzamos as seguintes actividades do programa. O venres 22 terá lugar a especial presentación do Proxecto-Disco “Ao Son Delas”, ás 11:35h na Biblioteca do IES. Alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural e convidadas/os).

Ademais o sábado 23 celebrarase IV Foliada Solidaria e I Encontro “Ao Son do Rural”, ás 19:00h na aula do Auditorio de Baio, dando paso ás 21:00 á “IV Foliada Solidaria”. Unha cita organizada polo Alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural, Imaxe e Son e Igualdade, coa colaboración da ANPA, Concello de Zas, A.C. Adro, A.C. Badius.

O luns 25 seguen as actividades coa Intervención Teatral do Alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural e Igualdade nos corredores e espazos abertos do Centro durante os recreos. Ademais haberá a presentación da man do alumnado de Imaxe e Son da curta “Bágoas de Resío”.

O martes 26 rematan as actividades coa actuación de Teatro “It Girl”, ás 12:45h no Auditorio de Baio, Organiza Asociación de Anpas da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Comentarios