"Entender a paisaxe antiga deste espazo no entorno do río Xallas, para comprender mellor a vida en Brandomil fai preto de 2.000 anos"

Segue avanzando a excavación arqueolóxica de Brandomil. Entre os pasados meses de novembro e decembro leváronse a cabo catas arqueolóxicas nun espazo apenas intervido ata o de agora, denominado Agro de Pedra do Altar, no que apareceron numerosos muros de época romana, excepcionalmente ben conservados e tamén moitas pezas de cerámica de multitude de procedencias.

Grazas á combinación de métodos non invasivos como o xeorradar e gradiómetro, coa escavación das zonas identificadas, demostrou a inmensa extensión do xacemento romano de Brandomil; o grande interese suscitado polas escavacións neste espazo arqueolóxico do Concello de Zas, motivou a visita a  finais do ano pasado do Director Xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Unhas reunións que continuaron este pasado venres 13 de febreiro, coa visita do secretario da Fundación Brandomil, Enrique Eduardo Iglesias, e o arqueólogo director das escavacións, Lino Gorgoso, aos técnicos de Patrimonio para presentar os avances da intervención impulsada pola Xunta de Galicia a finais de 2025, e deseñar de maneira conxunta as estratexias para o presente ano 2026.

Dende a Fundación Brandomil apóstase por esta colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, dun xeito similar aos anos 2024 e 2025, no sector de Agro de Pedra do Altar; tal e como se lle propuxo na reunión ó xefe do servicio de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Roberto Pena, a liña de investigación prevista encamíñase a realizar escavacións en área sobre as potentes estruturas romanas localizadas a finais de 2025, así como análises de sedimentos dos grandes niveis de carbóns que hai no seu interior.

Deste xeito, a Fundación Brandomil tamén manterá a colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC [Centro Superior de Investigaciones Científicas] para a execución de analíticas e estudos palinolóxicos (pole de plantas de época antiga).
Un dos obxectivos a curto prazo é a identificación de especies arbóreas e dos cultivos existentes en Brandomil a finais do século I da nosa Era, en base a sementes e pole conservados no xacemento, investigación que se levaría no departamento de arqueobotánica do CSIC. A idea marco é entender a paisaxe antiga deste espazo no entorno do río Xallas, para comprender mellor a vida en Brandomil fai preto de 2.000 anos.

Máis novas