O xacemento romano de Brandomil comeza unha nova campaña arqueolóxica na Pedra do Altar

Como se anunciara no mes de xaneiro, a Fundación Brandomil retoma os traballos arqueolóxicos na área de Pedra do Altar nesta semana do mes de maio, baixo a dirección do arqueólogo Lino Gorgoso.
Faino ademais na vangarda tecnolóxica. Cun detalle de tal magnitude, poucas veces aplicado mesmo a nivel europeo, a Fundación Brandomil acada o obxectivo de empregar as técnicas de investigación máis punteiras en canto a teledetección, enmarcando as zonas más interesantes para poder facer intervencións nas fincas da Fundación.
No presente ano 2025 realizaranse traballos de prospección magnética de última tecnoloxía, contando co equipo especializado do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC-INCIPIT); o emprego de técnicas non intrusivas no terreo, como o gradiómetro, o xeorradar de última xeración e a teledetección mediante infravermellos, permitirán deseñar as vindeiras intervencións.
Os resultados obtidos presentaranse nas vindeiras semanas ante a Consellería de Cultura, para abordar as estratexias de intervención das campañas programadas para o ano 2025 e 2026.